A Deputación da Coruña encargará un estudo técnico para determinar a viabilidade de ampliar e reforzar a ponte de Ons sobre o río Tambre ou construír unha nova estrutura que permita a circulación en condicións de seguridade neste tramo da estrada provincial DP 1302 que conecta os municipios de Negreira e Brión.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, reuniuse cos alcaldes de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e Negreira, Manuel Ángel Leis, que lle trasladaron o importante problema de seguridade viaria existente nesta ponte, cun ancho útil de paso de apenas 3,50 metros, que só permite o paso dun vehículo en cada dirección.
Á limitación que supón a escasa anchura do viaduto para o tráfico súmase a limitación do peso autorizado a 16 toneladas, o que prexudica gravemente ao sector do transporte e agrícola de ambos os dous concellos, segundo afirman os alcaldes, que explicaron que os camións, vehículos pesados ou os tractores vense na obriga de dar rodeos de ata 20 quilómetros.
A maiores, a ponte presenta gretas e danos provocados polo paso do tempo, polo que os rexedores consideran necesaria unha actuación urxente para a súa mellora ou substitución. Neste sentido, Formoso anuncioulles que a Deputación encargará un estudo das posibles solucións para a eliminación deste punto negro da rede viaria provincial, entre elas a posible ampliación, reforzo e mellora da ponte actual ou a construción dunha nova ponte con plataforma suficiente para o uso simultáneo dos dous sentidos de circulación.
En cada alternativa determinarase o custo total das obras necesarias e a viabilidade técnica da súa execución. O departamento de Vías e Obras da Deputación seleccionará a mellor alternativa, que será a que se execute finalmente para mellorar a seguridade viaria neste tramo.