Situación, Historia y Toponimia

Descripción

Historia

No amplo Val da Amaía, nas terras poboadas polos antigos “Amaeos”,sitúase o Concello de Brión, encravado entre dou rios, no norte o caudaloso Tambre e no sur o fermoso rio Sar que tan ben plasmou Rosalía de Castro na súa obra.

Terras que xa coñecen a presenza humana dende a prehistoria: A cultura das grandes pedras ou megalitismo co campo de mámoas de Rañalonga; os nosos antepasados celtas coas primeiras aldeas ou castros (Bemil, Pousada, Forxán, Lamiño, Ons, Tembra, Vioxo… ou o máis salientable de Beca ou Lupario, escenario das lendas da Raiña Lupa e a translación do corpo do apóstolo.)

Coñecemos a arte destes primeiros poboadores nos petróglifos do Coto Cornido en Boullón ou no monte Pumariño en Beca con cazoletas e círculos concéntricos.

Xa coa chegada dos romanos ó noso territorio, temos constancia da calzada romana “per loca marítima” que atravesaba a parte norte do concello camiño de Brandomil e cruzaba o rio Tambre pola desaparecida ponte Pías. Na aldea de Cirro, na parroquia de San Salvador, atopouse no ano 1963 de xeito casual un mosaico e os restos dun hipocaustum romano ( forno de calefacción), con pavimento de baldosas de barro vermello, pertencentes a unha villae.

A época medieval está no noso concello profundamente marcada pola importante presenza dos Moscoso, donos do castelo de Altamira e con posesións tan dispares como nas vilas de Ribadeo ou Corcubión, o que da mostra do seu enorme poder. No ano 2021 celébranse os cincocentos anos da sonada batalla de Altamira, loita entre a igrexa representada polo arcebispo Alonso II de Fonseca, e o sector nobiliario representado por Lopo Sánchez de Moscoso, co triunfo destes últimos ós pés do Castelo de Altamira. A chegada dos reis Católicos e o seu centralizado poder fai que a nobreza galega se vaia trasladando a Corte co cal comeza o declive dos diferentes castelos, quedando pouco a pouco a fortaleza de Altamira deshabitada, caendo xa no abandono no século XIX. Hoxe, os restos son propiedade da Deputación da Coruña, que é a encargada de acometer os traballos para a súa posta en valor.

 
ARQUITECTURA RELIXOSA

Gloria Gende, na súa obra “El arte religioso en la Mahía”, destaca que a finais do século XVII e no XVIII, realizase na comarca da Amaía unha grande labor arquitectónica, e que froito da mesma son os actuais templos. Este fervor construtivo na contorna débese a instauración da casa dos Borbóns en España que provoca un auxe económico froito das renovacións aplicadas na agricultura, comercio e gandeiría. Ademais disto, o apoio económico do Cabildo catedralicio e os monxes beneditinos de San Martín Pinario e San Xusto de Toxosoutos fixo que se reedificasen algúns dos templos medievais, e o levantamento doutros novos, o cal deixou unha fermosa paisaxe barroca na maioría das nosas igrexas.

A igrexa de San Fins de Brión, con planta de cruz latina e unha única nave abovedada, cunha fachada sinxela de porta con orelleiras, e cun fermoso retablo maior.

A capela de Santa Minia, santuario do século XIX, que custodia os restos da mártir Santa Minia, procedentes das catacumbas de Santa Inés en Roma. Consta de planta rectángular, que ven sendo a capela maior, interrompida polo inconcluso cruceiro. Faltan as capelas laterais do cruceiro, a nave, a fachada e o campanario.

A igrexa de Cornanda, século XVII, con planta rectángular, fachada sinxela con espadana onde descansan as dúas campás. Un retablo maior con dous corpos, columnas salomónicas e as distintas imaxes da Virxe e San Antonio de Pádua.

A igrexa de Viceso presenta planta de cruz latina, cuberta con bóveda de canon e destacando a súa fachada sobre a que se alza a torre das campás. No interior, un fermoso retablo de estilo neoclásico de tres bandas.

San Xulián de Luaña, igrexa que mostra a maior obra románica conservada no concello, en concreto todo o presbiterio, con planta rectangular e arco triunfal de medio punto. No interior, pinturas de estilo gótico, pero elaboradas a comezos do século XVI, con escenas da paixón de Cristo. Estas pinturas estiveron ocultas moitos anos polo altar e foron redescubertas nun proceso de restauración do conxunto.

De planta rectangular é a igrexa de Ons, cunha soa nave con presbiterio case cadrado. Destaca o retablo maior, tallado en 1789 e feito en pedra.

Santa María dos Ánxeles, igrexa barroca de planta de cruz latina, cunha impoñente bóveda de canon que cubre a única nave. Posúe magníficos retablos, sobre todo o altar maior, de estilo neoclásico. Destaca, tamén a fermosa cruz cumial que preside o presbiterio, procedente dun antigo templo.

A igrexa de San Xulián de Bastavales, con planta de cruz latina e cunha soa nave con bóveda de canon. Fachada dun só corpo, de orde toscana, coa porta lisa de estilo neoclásico. Sobre ela un relevo coa imaxe do patrón, San Xiao. É a única igrexa do concello que orienta a súa fachada principal cara o sol nacente.

Igrexa de Boullón, de finais do século XVII e principios do XVIII, con planta rectangular e fachada coroada por unha espadana con dúas campás. Só conserva os dous retablos laterais semellantes, con estilo encadrado entre o barroco e o rococó.

Completa a relación de templos relixiosos o conxunto de capelas das diferentes parroquias, a capela da Guadalupe no Tremo, cun fermoso entorno exterior de cruceiro e fonte homenaxe a Vicente Ramos, ilustre benefactor, obra do afamado Asorey. A capela de San Salvador, co cruceiro o seu carón, a capela de San Clemente en Brión, cos restos dun cruceiro e coa fonte do santo e a fermosa capela do Carmen en Bastavales, que máis parece unha pequena igrexa, coa torre-campanario, bóveda e cúpula no cruceiro.

 
ARQUITECTURA CIVIL

Pazo de Armental. Un pazo de grandes dimensións cunha edificación en forma de “L”, unido a outras dependencias auxiliares cunha pasarela de cantería e balaustrada de acceso a unha solaina, todo elo sobre unha estrutura de pedra na que se abre un arco rebaixado de paso. Posue un altar cuberto con funcións de capela. A súa orixe brasonada remóntase ao século XVIII, con escudos dos Mariño, catro fermosos reloxos de sol sobre ménsulas, fontes ornamentais, cruceiro, xardín, lagar e lareira.

Pazo do Armesto. Consta de dous bloques edificados en “L” a dous andares e forma un fermoso conxunto coa capela e o patio que dá a balconada. Teito a catro augas e muros de perpiaño ben labrado. Disponse o pazo ao redor dun patio recibidor, de forma rectángular, completado cunha capela tamén de planta rectangular con espadana. Escudo heráldico dos Ponte, Figueroa, Zúñiga e o irlandés Meache.

Pazo do Casal. Actualmente en estado ruinoso, só conserva a estrutura mural exterior de cantería, con planta rectangular alongada e dúas alturas. No interior só resta de interés a lareira con tiro da cheminea en cantería. O acceso o andar está elevado sobre un arco que da acceso a capela.

Pazo de Trasouteiro. Pazo de planta rectangular e desenvolvemento lonxitudinal onde un dos seus lados menores mira cara o Val da Amaía dende unha fermosa terraza, cun petril baixo cunha dependencia abovedada, a cal se accede por dúas portas con arcos de medio punto. No xardín unha fermosa fonte renacentista da que só queda unha parte, pois os dous corpos superiores foron espoliados.

Pazo de Ons. Edificio nobre con planta rectangular con muros de perpiaño e teito a catro augas. No penal sur destacan uns canzorros graníticos que no seu tempo deberon soportar unha gran balconada de madeira. Destaca na fachada principal un escudo nobiliario cuarteado en cruz e rodeado de volutas, e na contrafachada unha enorme cheminea con gárgolas cilíndricas que presumen a existencia dunha gran cambota e lareira. O pazo remata cunha cornixa perimetral con molduras.

Pazo de Guldrís. Coma a maioría dos pazos rurais da zona construíse cun sinxelo volume de dúas plantas, con materiais e técnicas tradicionais, sendo coñecido como Casa de Riazas. As poucas referencias bibliográficas existentes comunican a mala conservación e as peores transformacións sufridas ao longo do tempo, quedando recebado e encalado sen manter a imaxe do seu inicial destino. Pertenceu á fidalguía galega dos Galegos, Lamas e Sistallo, ata que o herdou Benigno Becerra, sendo hoxe propiedade de particulares alleos a aquelas familias.

 
ARQUITECTURA POPULAR

Antigos pombais dos tres tipos máis frecuentes, cadrados nas reitorais de Brión e Os Ánxeles, octogonais no pazo do Armental e San Salvador e circulares espallados polas diferentes parroquias; fermosas fontes espalladas pola inmensa maioría das aldeas con fermosos exemplos como Vidaloiso, Soigrexa de Bastavales, Ardións, San Antonio do Alqueidón, Pazos…ou as artísticas de Hermes en Brión ou a do Tremo co busto de Vicente Ramos, obra do afamado Asorey. Muiños en cascada no rio chavielos en Ons, coa antiga fábrica da luz e a fervenza do Pozo negro, muiños de Goiáns cunha beleza destacable, ou o conxunto do Rio Traba conforman xunto a praia de Nináns ou encoro Barrié da Maza uns paraxes naturais de suma importancia para o noso concello e son dignos de admirar detidamente, sen presas para mellor goce dos sentidos.

O noso concello ten a enorme sorte de atesorar máis de sesenta cruceiros espallados polas diferentes aldeas, fermosos exemplares de cruceiro de capela en Vioxo ou Pousada, esbeltos cruceiros moi ben labrados en Bemil, Ons, Cornanda ou Mourentans… Fermosas pesqueiras seguindo o curso do Tambre, asolagadas pola presa do Tambre, pero apreciables cando o caudal baixa, Ponte Ínsua, Pozo Cardo, Pouso, Latedo…

Cabe destacar o case medio cento de valiosos reloxos de sol dos que sobresaen os conxuntos dos dous Vioxos, oito en Nináns e tres en Esparís. Son de mención os catro do Pazo do Armental e un fermoso no Pazo Armesto, aos que lle debemos sumar os das igrexas e reitorais do concello. Completando o inxente patrimonio destacan os innumerables hórreos, de tipo maián ou os característicos de Busto de Frades, todos eles integramente en pedra, algo sen dúbida motivado polas duras condicións climáticas que deben soportar os veciños pola altitude, con ventos e chuvias con humidade máis alta do normal. A falta de protección de elementos xeográficos que axuden a gorecer os núcleos habitados fai que os hórreos se protexan con materiais pétreos e macizos para gorecer o gran nas mellores condicións. A diferencia dos hórreos costeiros os canteiros que labraron estes hórreos foi o esculpido de pináculos e cruces. As cruces aparecen en Busto de Frades baixo formas pouco comúns, cruces caladas, célticas, de Santiago…, ricamente concibidas e modeladas, o que os fai únicos. No apartado das pontes, Ponte ínsua, Ponte de Vidaloiso, aínda que destaca sobre todo a Ponte sobre o Rio Tinto, exemplo de bela feitura e antigüidade.


Situación

O municipio de Brión cae cara o oeste de Santiago, camiño do mar. Atravésao a estrada C-543 de Santiago a Noia: 13 quilómetros sepárano da capital galega e 23 desta vila mariñeira.

Paralela a esta estrada  entrou en servizo a autovía AG 56 - Santiago-Brión, que continuará a Noia como via de alta capacidade .

Pasa tamén polo seu territorio a estrada de Bertamiráns a Muxía e conecta esta última coa N-55O por medio da LC-300 de Barreiros a Picaraña.

As súas 106 aldeas, repartidas en 9 parroquias, con 3 entidades de poboación divididas en 33 ruas están intercomunicadas por unha rede de pistas asfaltadas que suma máis de 300 km., na que o visitante se pode guiar perfectamente gracias a unha ben estructurada sinalización.

Na nova división comarcal de Galicia, Brión quedou integrado na comarca de Santiago.
 


Toponimia

Desde o punto de vista xeográfico, Brión está dividido en dúas zonas:

A primeira, máis próxima a Santiago, formando o val da Amaía, regado polo evocador río Sar.

A segunda, na vertente do Tambre, demárcao polo norte formando o encoro Barrié de la Maza.

Ten por veciños a sete municipios: Ames, Negreira, Serra de Outes, Noia, Lousame, Rois e Teo e conta con 75 quilómetros cadrados e unha poboación de 7.100 habitantes, que está en progresivo aumento grazas á atracción que exerce a súa proximidade a Santiago, á fermosura das paisaxes e ó esmero na ordenación urbanística.

A Amaía goza dun microclima ostensiblemente benigno: temperaturas moderadas e considerable proporción de días despexados. O relevo é lixeiramente ondulado, con alturas máximas nos montes que demarcan o termo municipal polo sur: Santa Cecía en Bastavales e Pedra do Coro en Cornanda, que serven de miradoiros respectivamente ás rías de Arousa e Noia. A altitude vai dos escasos 30 metros na ribeira do río Sar ata pouco máis de 525 nos picos meridionais.

Información de Contacto
  • 981 88 70 06
  • Praza do Concello, nº 1 15865 - Brión
Horarios
  • De Luns a Venres: 7:45 a 15:15 h.

Formulario de Contacto