As instalacións deportivas de Brión, Negreira e Ames acollerán do 25 ao 29 de maio a primeira edición do campionato de España de voleibol na categoría júnior masculina, que reunirá a 21 equipos con máis de 400 deportistas de elite. Un campionato organizado pola Real Federación Española de Voleibol e o CD Padre Faustino, en colaboración cos tres Concellos e a Deputación da Coruña.
Un campionato que foi presentado esta mañá no auditorio do centro sociocultural de Negreira da man dos alcaldes de Brión, Pablo Lago; Ames, Blas García; a tenente de alcalde de Negreira, Mar García; a deputada provincial da Área de Deportes na Deputación, Cristina Capelán; o presidente da Federación Galega de Voleibol, José Ángel Luna; e o presidente do CD Padre Faustino, Joseba Pajuelo.
Dinamizar concellos
Pablo Lago destacou a importancia de que “os concellos nos unamos para promover este tivo de eventos que serven para poñer en valor os nosos atractivos e atraer centos de visitantes aos nosos municipios, o que de seguro agradecerán os nosos hostaleiros e comerciantes”. Neste sentido, salientou que dos 65 partidos que se xogarán entre o 25 e o 29 de maio, o pavillón municipal de Pedrouzos acollerá 12 encontros, sendo Negreira a sede dos partidos polo terceiro e cuarto posto e pola final o domingo 29 a partir das 10:00 horas.
Pola súa banda, Blas García, insistiu na importancia da colaboración entre Concellos para hospedar eventos ou mellorar servizos. “Estes días falouse moito da fusión de concellos, algo do que persoalmente non estou a favor. O que si defendo é que fusionemos servizos, e este é un claro exemplo. Eu creo que é moi importante que os concellos nos unamos para poder organizar actividades tan importantes coma esta, un campionato de España, e que esperamos que a Federación conte connosco en máis ocasións”, sinalou.
Finalmente, Mar García salientou que “para nós, é un orgullo acoller probas deste tipo, reforzando a nosa aposta polo deporte e impulsando tamén a economía local, sobre todo sectores como a hostalería e os hoteis”
Dende a Deputación, Cristina Capelán falou do impacto deste campionato á hora de dinamizar e amosar estes tres municipios pois “Negreira, Ames e Brión van ser un punto de encontro de talento novo, van ser parte das vivencias que van forxar a carreira destes grandes deportistas. Unha oportunidade única non só por iso, senón que tamén para amosar que no interior da Coruña temos moito que ofrecer, unha ocasión para amosar o patrimonio natural, cultural e paisaxístico da zona, así como para mover a economía local”.
“Agora toca traballar para que o proxecto saia ben e se poida repetir”, concluíu Joseba Pajuelo, presidente do CD Padre Faustino, club organizador do evento. “Imos dar a coñecer tres concellos próximos a Santiago que a miúdo pasan desapercibidos, podía parecer que cando xurdiu a idea ía ser complicado unir a tres municipios pero non foi así, aceptouse como un proxecto bonito e duradeiro”.
21 equipos e máis de 400 deportistas de elite
O campionato traerá aos concellos de Ames, Brión e Negreira un total de 21 equipos júnior de elite, con máis de 400 deportistas de elite, “xogadores que na súa inmensa maioría xa xoga en categoría sénior, e mesmo algún internacional na selección absoluta”, destacou o presidente da Federación Galega de Voleibol. “Sen dúbida é unha oportunidade para ver o voleibol do futuro, de futuros membros da selección española”, engadiu José Ángel Luna.
Os 21 equipos que participan nesta primeira edición do campionato júnior masculino son Vao Ontinyent (Valencia), Jealsa (A Coruña), Demax Clinic Descubre Fuentes (Sevilla), Arona Tenerife Sur (Santa Cruz de Tenerife), Aldebaran San Sadurniño (A Coruña), Carthago Vóley (Murcia), Club Vóley Palma (Baleares), CV Zaragoza (Zaragoza), Barça Voleibol (Barcelona), CV Melilla (Melilla), CUV Alcorcón (Madrid), Tarragona SPSP (Tarragona), CV Valencia (Valencia), Cisneros Alter VB (Santa Cruz de Tenerife), FS Castellar (Barcelona), La Fuensanta (Málaga), Parla Vóley (Madrid), Servigroup Benidorm (Alacant), VP Madrid (Madrid), CV Sant Martí (Barcelona) e ADEVA Ciudad de Hellín (Albacete).
Os partidos xogaranse no pavillón municipal de Brión, no pavillón municipal de Bertamiráns e no pavillón Pedra Mámoa de Negreira, que será a sede da final e do partido polo terceiro e cuarto posto. Horarios dos partidos: preme nesta ligazón para consultar os horarios dos diferentes partidos que se van a disputar no campionato.