O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, fixo entrega hoxe de cadanseu furgón 4x4 de servizos varios aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) con sede en Brión, Avión e Folgoso do Courel, que supón un investimento de case 270.000 euros (89.540 euros cada un) para reforzar o equipamento destes grupos.
Calvo asinou o convenio de cesión cos alcaldes de Brión, Pablo Lago; Avión, Antonio Montero, e Folgoso do Courel, Dolores Castro, nun acto ao que tamén acudiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.
Apoio ao Concello brionés
Tras visitar as instalacións do GES de Brión, o alcalde agradeceu a visita de Diego Calvo, destacando que “a relación do Concello de Brión coa Xunta de Galicia sempre foi cordial e respectuosa”, e mesmo bromeou conque “o teu predecesor, Alfonso Rueda, deixouche o listón moi alto, pois foi unha persoa sempre receptiva ás necesidades deste Concello. Espero e desexo que a nosa relación vaia polos mesmos camiños. Pola nosa parte, estaremos sempre dispostos a colaborar en calquera actuación que dende a Xunta ou dende o Concello se poña en marcha para a seguridade e benestar dos veciños e veciñas de Brión”.
Neste sentido, Pablo Lago lembrou a adquisición dunha autoescada por parte do Concello, “un vehículo á altura de calquera parque de bombeiros e que supuxo un antes e un despois para os nosos profesionais”.
Material entregado
Os Concellos de Brión, Avión e Folgoso do Courel recibiron cadanseu furgón de servizos varios de primeira saída con tracción 4x4 que permiten tanto o transporte de auga para extinción de pequenos lumes como o transporte de material para servizos varios para intervencións en zonas de difícil acceso debido á tipoloxía do firme, á súa pendente ou a estreiteza da vía de paso. Os vehículos teñen unha potencia de 177 CV e unhas dimensións de 5,9 metros de longo, por 3 metros de alto e 2 de ancho. Dispón dun volume de carga de 11,3 m3 e ata 3.500 kg.
A maiores, os GES de Brión, Avión e Folgoso do Courel recibiron diverso equipamento auxiliar individual: un ventilador portátil con batería, unha serra sabre para excarceracións, dúas lanzas profesionais, dous batelumes extensibles, dúas lanternas ATEX profesionais de seguridade, dous focos portátiles, unha cámara térmica, dúas mochilas extintoras e unha escaleira extensible a corda. O equipo completouse cunha bomba eléctrica somerxible, un equipo de bomba de alta presión e un kit de diverso material de rescate en altura (bobina, saco autoportante, mochila para barrancos, portamaterial, mosquetóns, puños bloqueadores ergonómicos, arneses de uso profesional, poleas...)
Compromiso da Xunta
Con esta entrega, a Xunta mantén o seu compromiso para dotar dos medios necesarios aos servizos de emerxencias da comunidade e, por tanto, que o servizo que prestan aos cidadáns sexa o máis eficiente posible, xa que son investimentos necesarios nun ámbito tan importante como a atención ás emerxencias co obxectivo de garantir algo tan fundamental como a protección e a seguridade da cidadanía.
Pese a tratarse dunha competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos municipios de menor poboación- nos últimos anos o Goberno galego leva feito un investimento histórico que xa supera os 21 millóns de euros en material cedido aos concellos galegos, dos cales 7 millóns euros foron para os GES e 11 millóns euros para as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, que co seu traballo altruísta prestan un apoio fundamental aos servizos de emerxencias.
Aos 7 millóns euros destinados a equipar aos GES da comunidade desde a súa posta en marcha en 2013, súmanse neste ano outros 1,5 millóns en distinto material para 15 grupos, entre o que se atopan os 3 vehículos cedidos hoxe. Neste caso, os tres furgóns permiten o transporte de auga para extinción de pequenos incendios, ao contar cunha cisterna de máis de 500 litros, e tamén material para servizos varios en intervencións en zonas de difícil acceso. Así, mellorarán o seu equipamento o GES de Santiago-A Barcala, que ademais de Brión atende aos concellos de Ames e Negreira; o GES da zona Quiroga-Terra de Lemos con sede en Folgoso do Courel, e que tamén cubre os de A Pobra de Brollón, Quiroga e Ribas de Sil; xunto co GES da subzona O Ribeiro-Avión, con sede neste municipio e que tamén atende aos de Beariz e Boborás.
Diego Calvo destacou a necesidade de colaboración das administracións co obxectivo de dotar aos profesionais destes servizos do equipamento necesario co que garantir a súa seguridade nas súas intervencións e, por tanto, a dos seus veciños. Cómpre lembrar que ao mapa de emerxencias de Galicia incorporáronse o ano pasado o GES da Cañiza, A Lama e Mos/Redondela, en Pontevedra; A Veiga e Maceda, en Ourense; e o servizo municipal de emerxencias de Noia, no marco dun mesmo convenio entre Xunta, deputacións e concellos. Este ano, debido á decisión das Deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra de rexeitar as melloras propostas pola Xunta, nestas 3 provincias manteranse as condicións actuais e na de Ourense aplicaranse nos seus 12 GES as melloras presentadas en canto á cobertura das emerxencias en Galicia, nas condicións laborais e económicas dos GES existentes e no incremento dos cadros de persoal dos servicios de emerxencia que non contaban con 12 efectivos.