As alegacións poderán presentarse ata o luns 6 de marzo (incluído) de forma telemática, en Correos ou nun Rexistro Xeral de calquera concello de Galicia.
O local social de Cornanda acolleu na noite de onte mércores a asemblea veciñal comprometida o pasado 17 de febreiro polo alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, para a presentación dos modelos de alegacións contra a concesión da central hidráulica reversible do Tambre, que tramita nestes momentos Augas de Galicia e que foron redactadas por unha Comisión de Seguimento creada nesa mesma data. Unha comisión presidida polo propio alcalde, ausente onte por unha cuestión de saúde familiar, e integrada por 8 veciños e veciñas, un representante de cada grupo político municipal (PSOE, PP e BNG), un asesor técnico e un asesor xurídico, que se encargou de explicar á veciñanza tanto o contido das alegacións como os pasos precisos para a súa presentación ante Augas de Galicia.
Así, a Comisión de Seguimento elaborou un documento de alegacións de oito páxinas con seis alegacións principais, con varias máis de apoio. Nelas a persoa que as presente “manifesta o máis absoluto rexeitamento ás iniciativas do aproveitamento da auga que se interesan, que levarán a unha alteración irreversible do medio natural, económico e social, condicionando e mesmo chegando a facer desaparecer o estilo de vida rural imperante na zona por mor da execución da Central Hidroelécrica Reversible do Tambre que se pretende implantar”. Por iso, solicita que “se proceda a desestimar as solicitudes para a instalación dun aproveitamento hidroeléctrico no río Tambre que figuran no antedito expediente”.
Alegacións
As alegacións nas que coincidiron os integrantes da Comisión de Seguimento son:
- Destrución do medio económico de subsistencia local. Inevitable despoboación da zona vencellada á imposibilidade de exercer actividade económica algunha. A central afectará directamente a 36 explotacións agrarias e gandeiras situadas na área de influencia de 2 km, véndose limitada a súa capacidade produtiva pola merma de terreos dedicados á súa explotación o que terminará por supor a desaparición de facto da maior parte destas explotacións.
- Falta de consideración do incremento do risco por mor da execución das obras e posta en funcionamento da central, especial consideración das aldeas de Cornanda e A Graña. Destacando que a balsa que almacenará a auga para o funcionamento da central, tal e como se nos di no proxecto, executarase xusto por riba das aldeas de Cornanda e A Graña, o que supón un grave risco por desprendementos ou desbordamentos para os habitantes das mesmas
- Explotación irracional e inxustificada do recurso e incumprimento do disposto no Artigo 96 do Regulamento do Dominio Público Hidráulico. A iniciativa non respecta o Plan Hidrolóxico de Galicia xa que a implantación da Central suporá unha sobre explotación do río Tambre que xa conta con outras concesións, entre as que se inclúe a do salto de Barrié de la Maza
- Prohibición de cambio de uso derivado de terreos afectados por incendios forestais. Os terreos que foran afectados por incendios forestais nos últimos 30 anos, atópanse afectos á prohibición de cambio de uso da Lei de Montes. Tal é o caso da zona onde se pretende implantar a balsa.
- Grave afección ao ecosistema local: perda irrecuperable dos hábitats da flora e fauna local (algunhas catalogadas en perigo de extinción e que figuran no Geo Portal do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, como o caso do lobo autóctono), grave afección á paisaxe (impacto ambiental), cambio climático (incremento da néboa no ambiente que terá repercusións negativas na saúde física dos veciños, xerando un ambiente frío e húmido) e afección á capa fréatica dos leitos próximos e dos acuíferos.
- Derradeiras consideracións: a grave afección ás augas subterráneas e potables existentes; a grave afección ao Esteiro do Tambre e a súa repercusión sobre a Rede Natura 2000; a sobre explotación do medio; a alteración dos viarios da zona; a imposibilidade real de reversión dos efectos prexudiciais vencellados á execución das obras unha vez finalizada a concesión – obriga de tolerar a instalación de por vida; a innecesariedade e falta de xustificación dos Proxectos; a falta de viabilidade económica do Proxecto; e a ausencia de interese xeral dos Proxectos.
Presentación
O asesor xurídico do Concello de Brión fixo fincapé na necesidade de que tanto estas alegacións como as que presenten outras asociacións ou os propios veciños e veciñas teñen que ter a mesma forma xurídica, ir dirixidas a Augas de Galicia, ter ben a dirección e ir asinadas polas persoas que a presenten. Así mesmo, confirmou que deben ser presentadas antes do luns 6 de marzo a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente en Correos ou no Rexistro Xeral de calquera Concello.
A veciñanza que o desexe, pode descargar o modelo de alegacións a presentar premendo nesta ligazón.
Dende o Concello de Brión, Rosa Romero e Carlos Noya pediron aos presentes que non agarden ata o luns 6 para presentar as súas propostas. “Pensade que estamos falando dun mínimo de cinco minutos para tramitar cada alegación e que van ser bastante máis de 200, polo que se é posible non o deixedes todos para o último día”, solicitou Carlos Noya. Por iso, solicitaron que se presentaran tamén alegacións hoxe xoves e mañá venres e que se bote man dos Rexistros Xerais doutros municipios.
O Concello de Brión repartiu 250 copias desta alegación entre todos os veciños e veciñas presentes na asemblea, así como copias dunha versión destas alegacións dirixida aos veciños e veciñas de Vilariño. Así mesmo, tamén estaban dispoñibles copias das alegacións presentadas por Petón do Lobo e a Asociación Terras de Altamira, así como unha veciñal que se centra no impacto económico que terá sobre as aldeas da Graña e Cornanda tomando como referencia os datos económicos actuais da zona.
Os concelleiros Rosa Romero e Carlos Noya, en representación do alcalde, confirmaron que o Concello de Brión tamén está a ultimar as súas propias alegacións nas que, ademais de recoller as presentadas pola veciñanza, achegará máis documentación técnica e xurídica para apoiar as súas propostas. Unhas alegacións ás que se sumarán tamén os partidos políticos e as de ADEGA. Por outra banda, o departamento de Urbanismo do Concello de Brión traballa no informe solicitado por Augas de Galicia sobre a compatibilidade do proxecto cos usos do solo e o ordenamento urbanístico vixente.