Coa chegada do outono, Brión estrea nova programación cultural para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro. Un programa onde destacan as artes escénicas, con numerosas propostas tanto de teatro profesional como amador.
Falamos do Outono Cultural 2023, que se iniciou o pasado venres, 29 de setembro, coa presentación en Brión da última novela de María Antonia Cao, e continuou, o fin de semana, coa estrea da obra “Desaquelando” de Teatro Pesadelo. Unha montaxe teatral que abriu o ciclo de teatro amador FEGATEATRO, nado da colaboración entre o Concello de Brión e a FEGATEA (Asociación Galega de Teatro Afeccionado).
Teatro afeccionado e profesional para os venres e sábados
Na súa nova edición, o Outono Cultural centra a súa proposta cultural e de lecer nas artes escénicas, con representacións teatrais os seráns dos venres e sábados. Por unha banda, o ciclo FEGATEATRO achegará os sábados ao Centro Social Polivalente diferentes e interesantes propostas de teatro amador. Será a partir das 20:00 h., con entrada de balde ata completar a capacidade da sala.
O serán dos venres, ás 20:00 h., o Centro Social tamén acollerá unha representación de teatro profesional, con entrada de balde ata completar a capacidade do local. Neste caso, será preciso reservar as butacas a través da Billeteira municipal.
Música, Magosto e festival Brión Inclúe
As propostas musicais estarán representadas por un concerto da Banda de Música Municipal de Brión e un recital de Rafa Fernández, que se celebrarán os días 2 e 1 de decembro respectivamente. Neste último, Rafael Fernández quere homenaxear a vida e traxectoria profesional do fotógrafo José Suárez, recoñecido internacionalmente pola súa serie 'Mariñeiros', que ofrece imaxes do peirao de Massó, a praia da Banda do Río ou de Beluso.
Como todos os anos, non faltará a cita co tradicional Magosto. Será o venres 24 de novembro. E como non, unha nova xeira do festival Brión Inclúe, que se celebrará do 2 ao 12 de novembro. Unha programación da que en breve informaremos polo miúdo a través deste mesmo medio.
Esta programación conta co patrocinio nalgúns das súas propostas da Rede Cultural da Deputación Provincial da Coruña.
Se desexas consultar toda a programación do outono cultural, podes facelo visualizando o cartel premendo nesta ligazón.