O Concello de Brión organiza un obradoiro do proxecto Galicia Latente

Galicia Latente, obradoiro Deconstruíndo conciencias
Celebrarase o sábado 8 de xuño, na Casa da Cultura, ás 10:30 horas

O Concello de Brión organiza un obradoiro do proxecto Galicia Latente, unha iniciativa de Eduardo de Martís. Trátase dun proxecto para achegar ás persoas o valor social, económico e sustentable que atesoura a cultura galega no presente. Así mesmo, ofrece unha visión holística dende onde dar visibilidade aos retos e oportunidades que nos están a conformar.

O proxecto ten como base un estudo-libro homónimo de recollida e divulgación fotográfica da cultura galega (seguramente o único do presente) e as súas múltiples realidades que estamos a vivir en Galicia. Está autoeditado polo fotógrafo Eduardo de Martís e componse de 221 páxinas, 233 fotografías feitas entre os anos 2020 e 2023, ao longo de máis de 140 concellos galegos, incluído o de Xove. Un exemplar atópase a disposición das persoas usuarias da biblioteca municipal.

Ademais, Galicia Latente ofrece un obradoiro chamado “Deconstruíndo conciencias”, que se celebrará en Brión. Este obradoiro comeza cunha presentación sobre a importancia e dimensión da cultura, continuado cunha proxección do documental "Galicia Latente" e logo un coloquio titulado “Retos e oportunidades da cultura galega”, rematando cunha recollida de valores locais. Agardamos que haxa debate e convidamos a todas as persoas interesadas a asistir e participar nel o vindeiro 8 de xuño ás 10:30 h. na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura)

Este obradoiro organízao o Concello de Brión e o proxecto Galicia Latente coa finalidade de coñecer e concienciarse sobre o valor da nosa contorna, das súas debilidades – como estamos a vivir o envellecemento da poboación -  e das súas potencialidades – como a cultura ou o patrimonio nos pode aportar riqueza -. Neste caso, comezamos cunha reflexión sobre a cultura local. O proxecto Galicia Latente xa estivo presente en Santiago, no Courel, Bruxelas, París ou San Cibrao.