A AMAIA, PASALA CON DÍA
Brión é terra para percorrer de vagar, mellor a pé ou a cabalo aproveitando calquera das instalacións hípicas existentes. Xa aconsella o vello refrán: "A Maía, pasala con día", para desfrutala, para descubrir a cada canto as variedades da súa paisaxe ("A Maía é Galicia enteira en grandiosa síntese"). Asomarse ás atalaias do seu ondulante relevo: admirar o val dende as Torres de Altamira ou dende o adro de Bastavales. Perderse na enramada ao longo de calquera dos seus infinitos fíos de auga: Brión é unha "mesopotamia" entre o Sar e o Tambre, cun tecido húmido de pequenos afluentes troiteiros, de augas transparentes, e regueiros.
O visitante pode moverse ao chou, sen medo a perderse, ou programar o percorrido segundo as súas apetencias. Aquí propoñemos algunhas rutas que consideramos máis suxestivas.
Toda a información das rutas pódela atopar en: http://sendeirismobrion.blogspot.com
Esta ruta segue o suposto trazado da vía romana "per loca maritima" que viña dende Braga pasando por Caldas de Reis, Noia, Brión e seguía cara Brandomil, pasando o río Tambre pola "ponte Pias". Ata hai poucos anos esta ruta era o camiño utilizado pola xente da zona de Cornanda, Luaña e Viceso para chegar a Negreira.
O percorrido da ruta comeza na Igrexa de San Xulián de Luaña (S. XII - XVIII), dirixíndose dende aquí á aldea de Cristimil. Ó sair da aldea, a uns 50 m. pola estada, colle unha pista de terra á esquerda que nos levará directo a un cruce na aldea de Vexo.
De aquí, seguiremos polo monte en dirección á Igrexa de Santa María de Viceso (S. XVIII), pasando polo castro de Pousada (sen excavar). No tramo que vai da aldea de Pousada á Igrexa, pódense ver dous cruceiros, destacando o cruceiro de capela de Goriña, o máis antigo do concello. Este anaco de ruta coincide coa dos cruceiros de Viceso, ¡Hai que ir moi atentos a sinalización!
Dende aquí a ruta segue pola estrada dirección Esparís, tendo que coller, uns 100 m. antes do Instituto, unha pista de terra á esquerda que nos levará a aldea de Mourentáns. Do medio desta aldea sae un camiño de monte cara a parroquia de Ons, onde chegaremos á igrexa de Santa María de Óns, igrexa neoclasica do S. XVIII, rematando aquí a ruta.
DATOS TÉCNICOS
PUNTO DE PARTIDA: Igrexa de San Xulián de Luaña
PUNTO DE CHEGADA: Igrexa de Santa María de Ons.
TEMPO: 3 horas, incluíndo descansos
DIFICULTADE: Baixa
CLIMATOLOXÍA: calquera época do ano. Poucas sombras.
VALE A PENA VER:
Igrexa de San Xulián de Luaña.
Igrexa de Santa María de Viceso.
Igrexa de Santa María de Ons.
Castro de Pousada (privado)
Cruceiros do camiño
MAIS INFORMACIÓN SOBRE A RUTA:
CONCELLO DE BRIÓN
OFICINA DO VOLUNTARIADO
TELF: 981 509 908 - FAX: 981 509 969
SERVIZO DE EMERXENCIAS BRIÓN
TELF: 629 871 542
Esta ruta comeza no cruceiro da aldea de Forxán e rodea a aldea pasando polo castro, sen excavar, dende onde se pode ver unha fermosa vista do río Tambre.
De aquí sae pola estrada e, collendo por un camiño á dereita, diríxese cara o río Traba, discorrendo á súa beira entre a Ponte dos Carros e a Ponte da Igrexa.
Neste tramo atparémonos con diversa vexetación e variedade de muíños, podéndonos bañar incluso nalgunhas zonas próximas a eles.
Ó chegar á Ponte da Igrexa colleremos cara á dereita dirección Pousada, onde poderemos ver tres cruceiros de distintos tipos, destacando o chamado da Goriña, cruceiro de capela do ano 1637, o máis antigo do concello.
Atravesando a aldea de Pousada , cruzarémo-la estrada para volver á beira do río Traba ó pasala Ponte de Porto Pequeno, río que seguremos en dirección á igrexa de Santa María de Viceso, lugar recomendado para facer unha pequena parada. De aquí colleremos por un camiño rodeado de montes e fincas, volvendo ó punto de partida tras un pequeno anaco por estrada.
Hai tramos desta ruta que coinciden coa ruta do Camiño Francés. Recoméndase ir moi atentos á sinalización, especialmente nas zonas de Pousada e a Igrexa de Viceso.
DATOS TÉCNICOS
PUNTO DE PARTIDA: Cruceiro de Forxán
PUNTO DE CHEGADA: o mesmo
TEMPO: 3 horas, incluíndo descansos
DIFICULTADE: Baixa
CLIMATOLOXÍA: facela en tempo seco
VALE A PENA VER:
Castro de Forxán
Cruceiros en Pousada
Igrexa de Santa María de Viceso.
Muiños a beira do rio
MAIS INFORMACIÓN SOBRE A RUTA:
CONCELLO DE BRIÓN
OFICINA DO VOLUNTARIADO
TELF: 981 509 908 - FAX: 981 509 969
SERVIZO DE EMERXENCIAS BRIÓN
TELF: 629 871 542
O primeiro tramo da ruta empeza na carballeira do Santo Arandel, entre Chave de Ponte e Beca. Aos poucos metros a ruta torce cara á dereita, bordeando os prados do campo de Xandras, dirixíndose logo á aldea de Xinzo, aldea que hai que atravesar para a continuación facer un tramo pola estrada en dirección ao monte do Castro Lupario.
Logo de disfrutar da vista panorámica que hai no alto do Castro, baixamos de novo camiño do río Tinto, onde se atopa a Ponte Paradela ou ponte do río Tinto, que antigamente servía de paso entre os concellos de Brión e Teo. Continuando a camiñata pola beira esquerda do río, subimos ata o monte Goiñas, desde onde se pode disfrutar doutra fermosa vista do val da Mahía en Bastavales, véndose desde aquí o Castro Lupario, as aldeas de Beca e Xinzo e incluso a igrexa parroquial de San Xulián de Bastavales.
Seguindo a ruta, báixase de novo ata o punto onde se pode optar por volver ao Santo Arandel ou continuar cara ó río Sar, zona de especial protección incluída na Rede Natura como parte do LIC Sistema fluvial Ulla-Deza, e á aldea de Vidaloíso. Se decidimos continuar, bordearemos de novo, pero pola parte de arriba, os prados do campo de Xandras e chegaremos á aldea de Chave de Carballo, atravesándoa en dirección á ponte de Vidaloíso, sobre o río Sar. Ao chegar á ponte, colleremos o camiño cara á dereita, seguindo durante uns metros o curso do río pola súa beira esquerda, disfrutando nese fermoso traxecto da carballeira, as caídas de auga do río e, con un pouco de sorte, da ánades e outros animais que alí viven.
Ao cabo duns metros, o percorrido da ruta torce cara á esquerda, subindo ata un camiño que discorre polo medio dunhas impresionantes árbores, carballos, piñeiros e outras especies. Seguindo este camiño chegaremos á estrada que vai á aldea de Vidaloíso e desde aquí poderemos ir cara á aldea a sentarnos un anaco na pequena área de descanso con fonte que hai alí, ou ben baixar á esquerda ata a ponte de novo.
Desde a ponte volveremos sobre os nosos pasos ata Chave de Carballo e aquí, ao cruzar a estrada, colleremos por un pequeno camiño de monte que queda un pouco á dereita e que nos levará de volta ao Santo Arandel.
DATOS TÉCNICOS
PUNTO DE PARTIDA: Carballeira do Santo Arandel
PUNTO DE CHEGADA: o mesmo
TEMPO: 4 horas e media, incluíndo descansos
DIFICULTADE: Baixa
CLIMATOLOXÍA: Calquera época do ano, poucas sombras na zona do castro
VALE A PENA VER:
Santo Arandel
Castro Lupario
Ponte Paradela
Vistas panorámicas desde o Castro e o monte Goiñas
Ribeira do Rio Sar
MAIS INFORMACIÓN SOBRE A RUTA:
CONCELLO DE BRIÓN
OFICINA DO VOLUNTARIADO
TELF: 981 509 908 - FAX: 981 509 969
SERVIZO DE EMERXENCIAS BRIÓN
TELF: 629 871 542