Rosalía foi a gran protagonista do 23 de febreiro, unha data moi especial e significativa na que toda Galicia homenaxea á autora máis senlleira das nosas Letras. Para conmemorar este día, o Concello de Brión organizou un acto homenaxe no adro da igrexa de Bastavales, ao pé do torre do campanario onde fica a placa conmemorativa dedicada á nosa poetisa nacional.
Co repenicar a mediodía das campás que Rosalía evocara en “Cantares Gallegos”, iniciouse un acto que continuou cunha ofrenda floral e unha emotiva Alborada para Rosalía interpretada polo grupo de música tradicional “Airiños do Petouto”.
O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, foi o encargado de pronunciar o discurso institucional no que fixo referencia á importancia da obra rosaliana no rexurdir da Lingua e Literatura galegas e ao inconmensurable valor do seu legado para as xeracións presentes e futuras. De seguido, un numeroso grupo conformado por alumnado do CEIP de Pedrouzos e do IES de Brión encargouse de recitar unha pequena escolma de versos e outros textos de Rosalía.
Caldo de gloria e Café con verso
Ao longo da xornada, e en diferentes establecementos hostaleiros de Brión colaboradores na campaña, a clientela puido degustar un “Caldo de Gloria” ou tomar un “Café con verso”. A primeira foi unha iniciativa que homenaxea a Rosalía ofrecendo coas consumicións, e a xeito de petisco, un tradicional caldo galego. Asemade, os cafés da xornada foron acompañados dun poema da autora.