Consolidado como unha das citas de referencia no circuíto galego grazas ao apoio da Deputación da Coruña e dos concellos de Santiago, Ames, Teo e Brión, ao patrocinio de Montana Colors, Ibersa-El Mundo del Pintor, Gadis e ALRO Maquinaria, así como á colaboración de Cafés Candelas, Fogar do Santiso e Daveiga, o festival continúa a apostar pola visibilización e dignificación do traballo das artistas urbanas fronte á discriminación e estereotipos de xénero aínda existentes no sector.
Co espírito intacto, este ano o proxecto presenta un novidoso formato. Trala edición inaugural, desenvolta nunha única semana, e as edicións de 2020 e 2021, realizadas ao longo dun mes, este ano a proposta tenta combinar o mellor de ambas as dúas experiencias para dotar dunha nova configuración á programación. As actividades, que volverán estar integradas por catro intervencións artísticas, obradoiros de creación e xuntanzas de convivencia entre veciñanza e creadoras, realizaranse en simultáneo en dous municipios á vez.
O Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela, acolleu a presentación da cuarta edición do Delas Fest. No acto de presentación estiveron Luísa Feijóo, concelleira de Benestar Social e Igualdade do Concello de Ames; Mercedes Rosón, concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade do Concello de Santiago de Compostela; Rubén Prol, concelleiro de Educación, Mocidade e Políticas Lingüísticas do Concello de Santiago de Compostela; Sandy Cebral, concelleira de Biblioteca, Cultura, Deportes, Actividades Extraescolares e Música do Concello de Brión; e Sara Alonso de 7H Cooperativa Cultural.
Mural de gran formato na Piscina de Brión
A artista urbana galega Nana (Santiago de Compostela, 1983) creará unha peza na Piscina Municipal de Brión entre o 16 e o 21 de xuño.
Para definir a temátics e enfoque da obras, a convidada contará colaboración da comunidade, que volverá ter un rol destacado no proceso creativo. A través da convocatoria Anfitriónate!, a veciñanza ten a oportunidade de coñecer a artista e de trasladarlles información, coñecementos e vivencias que inspiren a sua intervención, converténdoa en reflexo da identidade e a idiosincrasia do territorio que as acolle.
Estrea do documental Street Heroines
Grazas á colaboración de Montana Colors, fábrica catalá de pintura en spray patrocinadora do festival, Compostela acollerá a estrea en Galicia da longametraxe documental Street Heroines, dirixido pola realizadora norteamericana Alexandra Henry. O filme, gañador do Premio do Xurado ao Mellor Documental no Festival de Cine de Portland, entre outros galardóns, celebra o valor das mulleres que, malia o sexismo e a falta de recoñecemento, formaron parte do movemento do graffiti e da arte urbana desde os seus comezos. A proxección e posterior coloquio coa directora terá lugar o 20 de xuño no Auditorio de Galicia con entrada de balde.
Información de datas, horarios e localizacións de cada unha das actividades en https://7hcoop.gal/delas-fest-22 e 7hcoop@7hcoop.gal