Xunta e Concello de Brión investirán 605.000 € na mellora da AC-543 para eliminar un punto de concentración de accidentes e converter a antiga estrada a Noia nunha rúa máis do municipio

Sinatura Convenio
O Goberno achega o 70% do investimento, que será completado polo Concello que executará as obras e asumirá a titularidade do treito

A Xunta e o Concello de Brión colaborarán na mellora da AC-543 para eliminar un punto de concentración de accidentes e converter a estrada nunha rúa, cun investimento de 605.000 euros. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Brión, Pablo Lago, asinaron esta mañá o convenio de cooperación para mellorar a seguridade viaria nesta contorna.
 
As obras suporán un investimento conxunto de 605.000 €, dos cales o 70% serán achegados pola Xunta, é dicir, preto de 424.000 euros. O Concello, pola súa banda, achegará os 181.000 euros restantes e será o encargado de contratar e executar as obras. A maiores, Brión comprométese a asumir a titularidade do treito, a excepción da calzada e beiravía das glorietas da AC-543, nos puntos de conexión con outras vías autonómicas, que seguirán sendo de titularidade da Xunta.

Humanizar Os Ánxeles

Pablo Lago agradeceu “o traballo e o compromiso co Concello e coa veciñanza de Brión” da conselleira Ethel Vázquez, lembrando as súas primeiras reunións en 2020 “onde me sorprendeu a súa boa acollida non só escoitando as miñas peticións, senón o feito de ver que tomaba notas de todo o que lle ía comentando”. Un agradecemento que fixo extensivo tanto ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como ao vicepresidente, Diego Calvo, pola súa colaboración a que este investimento tan agardado vaia converterse nunha realidade.

“Unha actuación fundamental para humanizar o núcleo máis poboado de Brión e que será especialmente beneficioso para o día a día de numerosos veciños e veciñas, tanto para os residentes como os que transitan pola contorna”, lembrou Pablo Lago, quen explicou que “queremos aproveitar para reducir o ancho dos carrís, e así baixar a velocidade dos vehículos. Iso, ademais de mellorar a seguridade viaria na zona, deixaríanos espazo para adecuar e ampliar as beirarrúas, para que persoas con mobilidade reducida ou persoas cun carriño de bebé poidan circular pola zona sen obstáculos”.

Pola súa banda, Ethel Vázquez amosou a súa satisfacción por asinar un convenio “que supón sumar esforzos entre o Concello de Brión e a Xunta de Galicia para reforzar a seguridade viaria e mellorar a accesibilidade e a mobilidade dos veciños e veciñas de Brión”. Tamén salientou a importancia do cambio de titularidade da estrada “para evitar dificultades administrativas ao Concello e facilitarlle o día a día aos veciños”.

Así, confirmou que “imos ampliar as beirarrúas e reducir os carrís, para o calmado do tráfico, e actuar na totalidade do firme, reforzar a sinalización e os pasos de peóns e aproveitar tamén para mellorar aqueles servizos de recollida de pluviais e saneamento que sexan necesarios. Unha actuación que supón tamén eliminar un treito de concentración de accidentes, polo tanto reforzar a viaria, e fundamentalmente transformar unha estrada nunha rúa, unha rúa ao servizo dos veciños e veciñas de Brión”.

Detalle das obras

Os traballos céntranse nun tramo de 1,5 km identificado como treito de concentración de accidentes, polo que Xunta e o Concello se coordinarán para adoptar as medidas de calmado de tráfico necesarias e darlle unha funcionalidade adaptada ao dunha rúa municipal, en lugar dunha estrada. Cómpre lembrar que a estrada AC-543 atende agora unha mobilidade de carácter local, tras a apertura da autovía Santiago-Brión, a AG-56, e a súa continuación ata Noia como vía de altas prestacións.

Neste sentido, a intervención obxecto do acordo asinado hoxe ten como fin conseguir que a estrada AC-543 ao seu paso por Brión se converta nunha rúa, nunha vía máis humana ao servizo dos núcleos de poboación polos que pasa e con especial atención aos usuarios vulnerables. Para iso, as actuacións centraranse na ampliación e renovación das beirarrúas, sendo preciso para iso estreitar a propia calzada; na reposición da capa de rodaxe en ambos os dous carrís, beiravías e bandas de estacionamento; e na renovación da sinalización.

Na execución destas actuacións, e para non solapar nin duplicar traballo, o Concello deberá ter en conta as obras de mellora da accesibilidade e conexións das paradas de autobuses que está a impulsar a Xunta nas estradas da súa titularidade. A actuación programada pola Xunta prevé mellorar seis paradas de autobús que están situadas neste treito da estrada AC-543: en ambas as marxes no lugar do Tremo, na gasolineira do Tremo e no empalme de Liñares.
 
O Executivo autonómico vén traballando no reforzo de seguridade viaria nesta estrada ao paso por Brión, tendo executado tamén en outono a rehabilitación do firme na rotonda do quilómetro 9+300, cun orzamento de 50.000 €.