As inclemencias meteorolóxicas non foron impedimento para celebra unha nova edición do Festival de Primavera, un evento organizado polas Escolas Municipais de Música e Danza Tradicionais para compartir coa veciñanza os avances formativos do alumnado e celebrar un serán festivo de difusión da música e danza tradicionais galegas. As escolas son unha das actividades formativas municipais con maior participación, sumando este curso arredor de 170 alumas e alumnos nas especialidades de baile tradicional, gaita e pandeireta
Dividido en dúas quendas para facilitar a máxima asistencia de público, o festival trasladouse dende a Praza do Concello, localización prevista nun principio, ao salón multiusos do Centro Social Polivalente. Pese ao desapracible da xornada, o auditorio encheuse de público en ámbalas sesións, celebradas ás 12:30 e 13:15 h.
Pola tarde, ás 18:00 h., a Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) acolleu a conferencia “O traxe popular galego”, impartida por Ana Nogareda do obradoiro “Na Ristra”. Un serán que espertou moito interese entre a veciñanza, dado o nivel de participación acadado.
Ás 20:30 h. estaba prevista a realización dunha foliada na Carballeira de Santa Minia, un serán festivo que tivo que suspenderse ante as inclemencias do tempo, nun sábado chuvioso e desapracible que non foi impedimento para que esta actividade resultara todo un éxito.