O alcalde de Brión, Pablo Lago, e a concelleira de Cultura, Sandy Cebral, veñen de recibir ás patinadoras do Club de Patinaxe Artística Brión, que se preparan para participar nos Campionatos de España do vindeiro 30 de marzo e 1 de abril en Alcoi (Alacante) despois da súa extraordinaria participación no Campionato Galego, onde obtiveron un segundo, un terceiro e un quinto postos. Unha recepción que tivo lugar na tarde de onte xoves no salón de plenos municipal.
As patinadoras do Club de Patinaxe Artística Brión exhibiron os trofeos conseguidos no Campionato Galego de Patinaxe, celebrado o pasado 4 e 5 de marzo en Vigo. Entre eles figuraban os recoñecementos como subcampioas galegas de cuartetos júnior 2023 e como medalla de bronce no campionato galego de grupos show junior. O equipo de grupos show pequenos completou unha gran participación sumando un meritorio quinto posto, que lles deu tamén a clasificación para o próximo Campionato de España, que terá lugar en Alcoi.
Pablo Lago Sanmartín felicitou á patinadoras, de idades comprendidas entre os 13 e os 16 anos, polos seus recentes éxitos deportivos e desexoulles o mellor para o próximo campionato nacional. Un encontro no que estiveron acompañadas polas súas adestradoras e presidentas do Club de Patinaxe Artística Brión, Natalia Mela Fernández “Natis” e Andrea Mela Fernández, que destacaron o valor de ter conseguido estes éxitos deportivos no segundo ano de competición do club, creado no ano 2017 e que conta con máis de medio cento de patinadoras.