Organizado polo Concello de Brión, a Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (apatrigal) e a Asociación Campaneiros de Galicia (integrada en Apatrigal), o evento dará comezo ás 10:30 horas coa apertura e presentación do libro de actas do primeiro congreso, celebrado na igrexa de Cereixo (A Estrada) no ano 2023, e contará con sete palestras e un obradoiro para todo o público asistente, e entre palestra e palestra haberá unha sesión de toque manual, a cargo dos expertos intervintes.
Entre os relatores estará o prestixioso doutor antropólogo Francesc Llop i Bayo, campaneiro maior da Catedral de Valencia, catalogador de todas as campás das catedrais españolas, e con especial incidencia nas da Catedral de Santiago, que disertará sobre “As campás das catedrais, creadoras de paisaxes sonoras”. O propio experto fará unha demostración de toque manual esa mesma mañá. O principal fundidor de campás de Portugal, tras catro xeracións, instalado en Braga é a empresa familiar Serafim da Silva Jerónimo & Filhos, e estará representado por Carlos Manuel da Costa Jerónimo, que exporá o proceso de fabricación artesanal de campás.
O investigador, divulgador e escritor Estanislao Fernández de la Cigoña abrirá o congreso coa primeira palestra, que dará paso ao presidente da asociación de campaneiros, José Andrés Barreiro Garrido, que disertará sobre os distintos toques manuais de campás que se conservan e outros que se perderon. Intervirá tamén o investigador e divulgador Xosé Troiano Carril, que falará das campás do municipio de Brión e a súa catalogación, o campaneiro da Catedral de Mondoñedo, Valentín Insua Palacios, que oficia de campaneiro na única catedral galega con toque manual permanente, e Minia del Río Arca, vogal da xunta directiva de Apatrigal, que falará de “Turismo literario: campás, verbas e lugares”.
Ademais das campás da propia igrexa, haberá unhas campás móbiles no exterior, para que no obradoiro aberto que se celebrará ao final, calquera asistente poida aprender os toques con campás reais.
O congreso é aberto á cidadanía, que poderá asistir previa inscrición no correo electrónico apatrigal@gmail.com, cun aforo máximo para 100 persoas, que non terán que saír do recinto ao mediodía, no que se servirá un xantar. A inscrición é gratuíta, e seguirase o rigoroso orde de entrada dos correos.