O Concello de Brión finalizou as obras de mellora dos accesos á aldea da Telleira, na parroquia de Bastavales, nas que investiu un total de 95.420 euros. "Unhas obras que mellorarán a seguridade viaria da veciñanza, tanto peóns como condutores, xa que non só incluíron a mellora da capa de rodaxe da estrada senón tamén a súa ampliación e construción de cunetas formigonadas nunha zona que carecía delas, o que obrigaba á veciñanza a camiñar pola calzada", explica o alcalde brionés, Pablo Lago.
Así, o Concello de Brión actuou sobre un tramo de 350 metros de estrada municipal, concretamente desde a marquesiña do autobús até o final das vivendas. Os traballos incluíron a construción dun tramo de 120 metros de cunetas formigonadas por ambas as marxes do viario, mentres que nos restantes 230 metros fixéronse unicamente na marxe sur. Unhas cunetas construídas con pedregullo, formigón e un bordo de delimitación para mellorar a seguridade dos peóns e separalos do tráfico de vehículos.
Baixo esta cuneta instalouse unha rede de 480 metros para canalizar as augas pluviais, que inclúe 16 arquetas con sumidoiro e tres de formigón con reixa. Así mesmo, procedeuse á limpeza de cunetas e salvacunetas para garantir a correcta drenaxe das augas e mellorouse a capa de rodaxe con 5 centímetros de aglomerado en quente, previo arranxo de fochancas con grava e un tratamento asfáltico semiprofundo. Os traballos completáronse coa correspondente sinalización horizontal da estrada, con pintado de liñas de bordo e símbolos.
As obras foron executadas pola empresa Obras e Viarias de Galicia SL (OVIGA) no marco da primeira fase do Plan de Obras e Servizos POS+Adicional 2/2023 da Deputación da Coruña. Un plan que tamén permitiu a mellora do viario de acceso á localidade de Babenzo, tamén na parroquia de Bastavales.
De feito, Lago Sanmartín sinala que "con esta actuación, o Concello de Brión continúa co seu plan de mellorar os accesos e os interiores das aldeas das distintas parroquias, actuacións que estamos a facer en aglomerado en quente para que duren no tempo e onde estamos a construír sendas peonís alí onde sexa posible, para así mellorar a seguridade viaria dos nosos veciños e veciñas".