O Concello de Brión recibe unha axuda de 2,7M€ do MITECO para cambiar 3.118 puntos de luz e 110 centros de mando no municipio

Axuda MITECO
Pablo Lago destaca que este proxecto “permitirá cambiar a LED todo o alumeado público de Brión, cubrir todas as zonas con déficit de luz, reducir o consumo nun 65% e aforrar máis de 132.000 euros/anuais”

María Rivas subliña que nesta convocatoria foron adxudicatarios na provincia os concellos de Betanzos, Brión, Fene, Moeche, Tordoia e Val do Dubra, ascendendo o importe concedido a 6,6 millóns de euros

O Concello de Brión recibirá unha axuda de 2.770.900 euros para substituír o 90% do seu alumeado público con cargo ao Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética. O alcalde brionés, Pablo Lago Sanmartín, recibiu de man da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, a confirmación de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) aprobou o proxecto presentado polo Concello de Brión á primeira convocatoria do programa de axuda para proxectos singulares para a renovación de instalacións de alumeado exterior municipal.

Pablo Lago e María Rivas visitaron varias localidades de Brión onde se vai actuar. Así, o alcalde brionés explica que “despois dos 285.000 euros investidos na mellora do alumeado público nas parroquias dos Ánxeles, Brión e Boullón, agora imos cambiar a LED todo o alumeado público de Brión, cubrindo todas as áreas que teñen déficit de alumeado e instalando unha tecnoloxía moito máis eficiente ca actual. Isto permitiranos ofrecer un mellor servizo ao tempo que reducimos o consumo eléctrico e coidamos do noso medio ambiente, xa que nos permitirá aforrar máis de 132.000 euros anuais na factura eléctrica e reducir o consumo nun 65%”.

Neste proxecto están incluídos un total de 3.118 puntos de luz, cunha potencia media instalada de 110,72 vatios e con 4.200 horas anuais de funcionamento. Uns equipos que serán substituídos por luminarias LED que, xunto coa revisión de 110 centros de mando e a instalación de 30 reloxos astronómicos, 20 reloxos mecánicos de patillas e 94 fotocélulas permitirán un aforro enerxético próximo ao 65%. “Coa instalación destes equipos de telexestión nos cadros eléctricos conseguirase un maior control sobre o consumo e á hora de actuar no caso de futuras avarías, contribuíndo a mellorar a eficiencia e a calidade do servizo a veciñanza”, destaca o alcalde brionés.

Aforro enerxético

Na actualidade, Brión conta cunha potencia instalada de 348.229,5 vatios, cun consumo de enerxía de 1.462.563,9 kW/h e un custe de 212.364,28 euros anuais. Unha vez executado este proxecto, a potencia instalada reducirase a 175.087,5 vatios, o consumo de enerxía baixará a 551.525,63 kW/h e o custe da factura eléctrica para o Concello descenderá ata os 80.081,52 euros, é dicir, un aforro de máis de 132.000 euros cada ano.

Este aforro xurde tanto pola redución da potencia das lámpadas LED fronte ás actuais de descarga, como por unha mellor xestión do fluxo lumínico: tanto pola súa redución durante a noite como pola correcta utilización das ópticas, que dirixen a luz aló onde é precisa e evitan a contaminación lumínica. Así, os equipos actuais emiten un 15% do fluxo total ao hemisferio superior, mentres que coa nova tecnoloxía este valor será inferior ao 5%. Por todo isto, a certificación enerxética de todo o alumeado público brionés pasará a ser A.

País verde e sostible

Pola súa banda, María Rivas puxo Brión como exemplo da aposta do Goberno polos pequenos concellos “que están chamados a ser protagonistas da transformación de España cara un país verde, dixital, sostible e cohesionado, para acadar os obxectivos do reto demográfico”.

É nesta mesma liña, a de apostar pola transición verde, na que está enmarcada esta axuda concedida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Instituto para a Diversificación da Enerxía IDAE. “Son 2,7 millóns de euros que servirán para que o goberno de Brión afronte a mellora enerxética do alumeado municipal do Concello, unha acción que tamén suporá un importante aforro económico para o concello, e todo isto se fai no marco da colaboración e cooperación institucional que marca a acción do Goberno”, apunto a subdelegada. Un préstamo a interese cero e a devolver polo Concello de Brión en 10 anos, cos primeiros doce meses de carencia.

María Rivas subliñou a importancia de acometer este tipo de melloras, xa que redunda nun mellor servizo para toda a veciñanza, o que sen dúbida favorece o asentamento da poboación nos concellos máis rurais, e tamén axuda ás pequenas e medianas empresas a que opten por estes concellos para implantarse. “O Goberno está comprometido co apoio aos concellos rurais na mellora dos seus servizos, das súas infraestruturas, xa que son imprescindibles para favorecer que a poboación se quede e faga neles o seu proxecto vital. Estamos facendo compatible a mellora dos servizos, coa transición ecolóxica e coa loita contra o despoboamento, e ademais facémolo baixo o respecto e a máxima colaboración entre institucións”.

A subdelegada insistiu en que “trátase de garantir ás persoas que viven nos pequenos concellos un futuro no que conten coas mesmas oportunidades”. De feito, nesta convocatoria foron adxudicatarios na provincia os concellos de Betanzos, Brión, Fene, Moeche, Tordoia e Val do Dubra, ascendendo o importe concedido para todos eles a 6.638.392,52 euros.