O centro social polivalente quedou pequeno para acoller na noite de onte venres a homenaxe do Concello de Brión a Carlos Rodrigues Brandâo, antropólogo brasileiro falecido a mediados de 2023 e que durante a década dos noventa pasou varias tempadas na parroquia de Ons realizando unha investigación antropolóxica sobre a Galicia rural. “Unhas visitas nas que o noso concello deixou no profesor Brandâo unha profunda e indeleble pegada. Unha conexión que foi mutua, unindo para sempre os destinos do antropólogo chegado do Brasil, Brión e as súas xentes”, sinalou Sandy Cebral, concelleira de Cultura.
Cebral explicou que esta homanaxe “é merecida e moi necesaria. A nosa idea era realizala antes, para que el puidera vivir en persoa o reencontro con Brión e a merecida gabanza das súas xentes. A maldita pandemia que vivimos no 2020 impedíunolo e o seu posterior falecemento prívanos hoxe da súa presenza”. Unha presenza que os seus amigos simbolizaron cun ramo de flores e unha candea presidindo toda a homenaxe.
Porque, como asegurou a concelleira de Cultura, “Brandâo sempre estará vivo na memoria de quen compartiron con el entrevistas, charlas ou sobremesas. Vivo na memoria colectiva de Brión a través dos seus libros ou do arquivo de fotografías que doou ao Concello e que se conserva na biblioteca municipal”. Un arquivo do que xurdiu a exposición fotográfica inaugurada onte á noite, uns paneis cunha selección de fotografías do antropólogo brasileiro que se poderá visitar no centro social polivalente.
Xantares en Ons
Canda esta mostra de fotografía, a homenaxe incluíu un faladoiro no que tres grandes amigos de Brandâo aproveitaron para compartir as súas lembranzas e experiencias co prestixioso profesor da Universidade de Campinas (Sao Paulo) coas máis de cen persoas reunidas no salón de acto brionés. Porque, como asegurou o historiador nicrariense Amancio Liñares Giraut, “recordar é volver a vivir”. Así, lembrou as feixoadas que compartiron na parroquia de Ons na casa do coordinador do evento, Luciano Pena Andrade, ou unha entrevista que lle realizaron a Brandâo na que definía a Galicia como unha terra onde “o tractor convive coas meigas” e a Santiago como “unha cidade milenaria dominada pola mocidade”.
Un punto no que incidiu tamén Iván Vilela, prestixioso musicólogo e intérprete de música brasileira de xira por Europa, ao explicar que o labor de Brandâo ía máis aló do seu traballo como antropólogo, salientando tamén o seu valor como fotógrafo, poeta, profesor e escritor de literatura infantil. “Era unha ponte entre o mundo da antropoloxía e da arte, porque non entendía unha cousa sen a outra”, indicou Vilela, quen puxo como exemplo a edición dun libro de fotografías, chamado “Olladas”, que recollía centos de imaxes de romarías populares “nas que só saían olladas, sobre todo dos máis novos. En vez de retratar o ambiente, a tradición, os traxes... el fixouse no mirar da xente que estaba desfrutando desa festa tradicional”. O acto rematou cunha actuación musical a cargo do propio Iván Vilela e Pablo Castaño.
A figura de Brandâo
Carlos Rodrigues Brandâo foi un prestixioso profesor da Universidade de Campinas, no estado brasileiro de São Paulo. Dende o seu campo de investigación da cultura rural, realizou importantes achegas e deixou escritos máis dun cento de libros de investigación antropolóxica, educación, arte, medio ambiente, poesía, literatura infantil… O seu libro titulado O que é a educaçâo coñeceu moitas ducias de edicións tanto en portugués como en español.
En 1992 pasou catro meses na parroquia de Ons realizando investigación antropolóxica sobre a vida na Galicia rural, estadía que había de repetir varias veces en anos sucesivos. Destas xeiras saíron varios libros, algúns publicados (Aldeas, A senda da estrela, O corpo cuberto de cores, O caminho da estrela…). “Quedan sen editar preto dunha ducia de títulos relacionados con Galicia. Entre eles, o máis importante e o verdadeiro traballo de investigación antropolóxica do mundo rural galego é A crônica de Ons”, lembrou Luciano Pena durante a súa intervención.
Tamén están sen publicar, e con Galicia como obxecto, libros como: Com o sol de outono sobre os hombros, O caminho do fim do mundo, Uma estrela, un caminho, un peregrino, Breviârio do Norte, Vida peregrina – trilhas derivas travessias, Aldeas da Amahia, Festa Galega, Diário de Galicia, O sexto sol. Na biblioteca municipal de Brión deixou tamén os negativos das fotografías que fora tirando durante a súa investigación antropolóxica en Galicia. Carlos Rodrigues Brandâo faleceu a mediados de 2023 dunha leucemia que se lle complicou coa Covid.