O Día da Ilustración 2025, dedicado a Xosé Vizoso

Xosé Vizodo. Día da Ilustración 2025
O ilustre veciño de Brión será o protagonista dunha efeméride que por primeira vez rende recoñecemento a unha persoa en vida.

O 30 de xaneiro, data de nacemento de Castelao, celebramos o Día da Ilustración. Unha efeméride impulsada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración en colaboración coa Xunta de Galicia. Cada ano homenaxéase a unha destacada figura da ilustración en Galicia. Este ano, por primeira vez, renderase merecido recoñecemento a unha persoa en vida. O elixido non é outro que o veciño de Brión e amigo Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950).

Un destacado profesional cunha longa traxectoria como deseñador e ceramista, ademais dunha importante produción como ilustrador. En 1968 recibiu o Premio Nacional de Escultura e na súa carreira profesional destacan os corenta anos como deseñador da cerámica de Sargadelos. A súa obra caracterízase por un estilo profundamente ligado á cultura e ás tradicións galegas. Entre os seus traballos máis recentes destaca a creación do cartel do centenario do Celta de Vigo.

As biblioteca públicas de Galicia celebran a figura e obra de Xosé Vizoso. Tamén no Concello de Brión

Numerosos centros da Rede de Bibliotecas de Galicia renderán tributo ao autor para conmemorar esta efeméride. A biblioteca municipal de Brión tamén desexa facer a súa humilde homenaxe ao gran Xosé Vizoso. Será por medio dun centro de interese/mostra bibliográfica e de carteis que ilustran a evolución dun artista plástico polo que sentimos grande aprecio e admiración no Concello. Dende o 27 de xaneiro, tódalas persoas que se acheguen ao centro poderán visitar a exposición e marchar levando como agasallo un marcador de páxinas dedicado a Rosalía de Castro, deseñado por Xosé Vizoso para conmemorar o 23 de febreiro, día do nacemento da poetisa.

O venres 7de febreiro, biblioteca municipal convidará ás crianzas brionesas a participar nunha actividade de narración oral, con música e ilustración en vivo, para homenaxear a este destacado ceramista e ilustrador. Nela descubriremos a biografía de Vizoso, o seu legado artístico e as ligazóns que o unen ao noso Concello. Simultaneamente, un ilustrador realizaría un mural relacionado que ilustrará os contidos deste serán tan especial.

Se desexas participar, anota na túa axenda esta data: venres 7 de febreiro ás 18:00 h. O acceso é de balde ata completar a capacidade da Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura). Se o desexas, podes inscribirte na actividade a través deste formulario. Se queres coñecer máis sobre a vida e obra deste autor, veciño ilustre de Brión, non dubides en participar nesta actividade e pasar un divertido serán cos amigos de Polo Correo do Vento.