A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abellá, e o alcalde de Brión, Pablo Lago, presidiron na mañan de onte o acto de constitución da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Brión. Trátase dun instrumento operativo no que están representados todos os ámbitos municipais implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero co obxecto de procurar unha maior eficiencia na resposta contra esta secuela social.
“Son consciente de que en todos estes ámbitos que estades hoxe aquí presentes leva xa moitos anos traballando pola erradicación da violencia de xénero, adicando horas e esforzo a dar apoio ás vítimas, a educar en igualdade, a condenar aos agresores. O que se pretende agora coa constitución desta Mesa Local é dar un paso máis aló: mellorar as dinámicas de actuación e intervención que xa existen, crear instrumentos e ferramentas que optimicen a coordinación entre axentes e promover políticas e actuacións contra a violencia de xénero a nivel comunitario”, explicou Pablo Lago.
Un traballo previo no que fixo fincapé tamén a concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romro, quen sinalou que “todas as persoas que estades hoxe aquí reunidas sodes alicerces craves porque traballades de maneira directa e en estreito contacto coa veciñanza do noso concello. E é desde a proximidade desde onde podemos actuar de maneira máis eficaz e eficiente”.
Machismo na mocidade
Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou o “paso importante” que o Concello de Brión está a dar en favor da igualdade e na loita contra a violencia de xénero. “O traballo das mesas resulta fundamental para promover no campo municipal medidas, políticas e actuacións para a detección precoz desta secuela. Tamén para a sensibilización da veciñanza e para dar resposta áxil ás vítimas”, remarcou.
López Abella destacou tamén “a gran preocupación é o machismo na mocidade, que reproduce estereotipos que pensabamos que estaban superados e que agora volven xurdir”. “Temos que focalizar aí gran parte do noso traballo”, dixo. Algo no que coincidiu Rosa Romero, para quen “desde os centros educativos debemos traballar na liña de prevención e detección da violencia, a través da sensibilización, a concienciación e o traballo diario nas aulas”.
Finalmente, a xefa do Departamento de Servizos Sociais de Brión, Vitoria Varela Rodríguez, indicou que levan “máis de dous anos tentando crear esta mesa”. “O máis importante é que levamos moitos anos traballando xuntos contra a violencia pero tamén sabemos que, ás veces, temos problemas de coordinación. E eses problemas son os que imos solucionar coa constitución desta mesa local”, apuntou.
Composición
A Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Brión está presidida polo alcalde brionés, Pablo Lago San Martín; coa xefa do Departamento de Servizos Sociais de Brión, Vitoria Varela Rodríguez, como secretaria. A Mesa está conformada por: Rosa Romro Fariña, edil de Servizos Sociais e Igualdade; Iván Rodríguez Vaamonde, sarxento da Garda Civil de Brión; Marcos Delgado García, xefe da Policía Local; Pilar Martínez, técnica de Intervención Familiar de Brión; Yolanda Rojo, médica de Atención Primaria do Centro de Saúde brionés; María Dores Campos, directora da Escola Infantil Municipal de Brión; Elena Torres, directora da Escola de Educación Infantil de Sabaxáns; Catalina Domínguez, mestra da Escola de Educación Infantil de Os Ánxeles; Xoán Cabo, director do CEIP Pedrouzos; Virginia Rodríguez Álvarez, directora do IES de Brión.
A iniciativa enmárcase no acordo de colaboración que manteñen a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a conformación dunha rede de concellos e entes supramunicipais implicada na erradicación desta secuela. A Mesa reunirase de maneira periódica (semestralmente) para analizar a situación e compartir experiencias.