Brión conmemora este sábado o Día da Narración Oral cun contacontos de Charo Pita

Brión conmemora este sábado o Día da Narración Oral cun contacontos de Charo Pita
Brión é un dos 11 concellos que colabora nesta conmemoración das persoas narradoras galegas, que elaboraron un manifesto elaborado por Fina Casalderrey

O Concello de Brión conmemorará o Día Internacional da Narración Oral cun contacontos de Charo Pita para toda a familia que terá lugar o sábado 20 de marzo, ás 12:00 horas, na Sala Municipal de Exposicións da Casa da Cultura. Unha actuación gratuíta pero na que, por mor da aplicación dos protocolos anti-Covid, será preciso anotarse previamente nos teléfonos 981 50 99 69 (biblioteca), 981 50 99 08 (Casa da Cultura) ou bibliotecadebrion@gmail.com .

O Día Internacional da Narración Oral está organizado en Galicia polo Festival Internacional de Narración Oral “Atlántica”, coa colaboración do Festival de Narración Oral de Pontevedra “Sete falares”, do Festival “Falando a boca chea” de A Coruña e a asociación Narración Oral Galega (NOGA). Este ano, contan coa colaboración de 11 concellos galegos: A Coruña, As Neves, Brión, Fene, Mondariz, Ourense, O Porriño, Pobra do Caramiñal, Pontevedra, Ribeira e Santiago de Compostela.

O Día Internacional da Narración Oral conmemora o arte de narrar en voz alta. Unha festividade que tivo a súa orixe en Suecia hai trinta anos e ao que se foron sumando distintos países. Este ano sumáronse á celebración, ademais da mencionada Charo Pita en Brión, os narradores e narradoras galegas: Lorena Pinheiro, Raquel Queizás, Dani Blanco, Pablo Díaz, Vero Rilo, Celso F. Sanmartín, Chus Álvarez, Anxo Moure, Ramiro Neira, Cris de Caldas, Marta Ortiz, Quico Cadaval, Sole Felloza, Pavís Pavós, Baobab, Migallas e Polo correo do vento. Durante os distintos actos darase lectura a un manifesto de Fina Casalderrey.