Así, na semana do 22 ao 28 de febreiro, as redes sociais do Concello de Brión e da Biblioteca Municipal compartirán diariamente imaxes e textos da poetisa, así como vídeos de curta de duración sobre a vida e obra de Rosalía.
A concelleira de Cultura, Sandy Cebral, explica que “combinando palabras e imaxes queremos homenaxear a Rosalía de Castro, figura sobranceira e clave das nosas letras” e convida á veciñanza “a participar na campaña e compartir connosco algunha imaxe da autora, un texto ou un vídeo breve no que reciten algunha estrofa sobre Rosalía”. Para participar só é preciso compartir o vídeo, texto ou imaxe co cancelo #diarosaliaenbrion e citando á @bibliotecadebrion no Facebook ou a @bibliobrion no Twitter.
Con esta iniciativa, o Concello de Brión conmemora un ano máis o Día de Rosalía, ante a imposibilidade de organizar as tradicionais actividades presenciais. Ademais, este ano os brioneses e brionesas teñen a oportunidade de visitaren de balde a Casa Rosalía de Padrón, toda vez que o pasado mes de xaneiro o Concello de Brión se converteu en mecenas do museo.