Brión presenta o IV Plan para a Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2021-2024

Brión presenta o IV Plan para a Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2021-2024
Conmemorará o 8 de marzo baixo a lenda “Mulleres líderes. Por un futuro igualitario no mundo da Covid-19” e compartindo unha Guía de Linguaxe non sexista e a proxección de “María Solinha” en autocine

O Concello de Brión vén de dar a coñecer o IV Plan para a Igualdade entre Homes e Mulleres (PIOM), que terá vixencia entre os anos 2021 a 2024. Un plan ao que todos os veciños e veciñas de Brión terán acceso en versión dixital a través da páxina web municipal, dentro das actividades organizadas para conmemorar o Día da Muller, que inclúen tamén o acceso a unha Guía de Linguaxe non sexista e a proxección da película “María Solinha” nunha sesión de autocine en Bastavales.

O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, explica que este plan “será unha ferramenta para loitar contra as desigualdades e para erradicar a violencia de xénero, sumando esforzos co fin de acadar unha mellora da convivencia e unha sociedade máis igualitaria e xusta". Neste sentido enmarcou o traballo levado a cabo nos tres plans anteriores, “nos que se abordaron medidas que buscaban unha mellor conciliación dos tempos, fomentar a corresponsabilidade e a coeducación, así como loitar contra a violencia de xénero en todas as súas manifestacións”.

Contido do PIOM

O IV Plan para a Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes está promovido e coordinado polo Concello de Brión, conta coa financiación da Deputación da Coruña e foi realizado por Edesga Igualdade. O seu obxectivo principal é a erradicación da lacra social da violencia machista, procurando ofrecer recursos ás mulleres e fortalecer a prevención desde todos os eidos sociais. A educación, o mercado de traballo, a mocidade ou o reparto equitativo dos coidados son algúns dos ámbitos de intervención máis importantes para lograr unha sociedade na que mulleres e homes poidan vivir sen sufriren medo ou desigualdade por razón de sexo.

A elaboración deste Plan parte dunha avaliación exhaustiva do III PIOM do Concello, que advirte do envellecemento poboacional, de que o mercado de traballo amosa unha situación máis difícil para as mulleres, sendo o sector servizos o máis voluminoso e tamén máis suxeito á precariedade e á estacionalidade. Tamén recolle que o volume de mulleres nas idades máis altas é moito maior co dos homes, pero as súas contías das pensións de xubilación están case 200 euros por debaixo das dos homes. Finalmente, xa a nivel comarcal, apunta a que os delitos de maltrato non amosan unha tendencia a decrecer, polo que é importante continuar co labor de prevención.

Tras esta análise, o IV PIOM do Concello de Brión recolle 31 medidas a implementar nos próximos catro anos en cinco áreas de acción: educación en igualdade; emprego, formación e empoderamento; conciliación e corresponsabilidade; benestar e concienciación social; e erradicación da violencia de xénero. Entre estas medidas figuran promover a creación dunha Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero; continuar desenvolvendo de forma periódica obradoiros entre os escolares brioneses sobre igualdade, violencia, corresponsabilidade, micromachismos... ou promover actividades orientadas á prevención das enfermidades cunha maior incidencia nas mulleres, como o cancro de mama ou a osteoporose.

Día da muller

A maiores, de cara á conmemoración do 8 de marzo, Día da Muller, o Concello de Brión súmase á reivindicación escollida este ano pola ONU: “Mulleres líderes. Por un futuro igualitario no mundo da Covid-19”. Unha campaña na que indica que a pandemia está a poñer de manifesto que as mulleres están na primeira liña de batalla como traballadoras do ámbito sanitario, dos servizos esenciais, da ciencia, da investigación.. así como dende o liderado de países como Nova Zelanda, Alemaña, Dinamarca, Finlandia, Islandia, Etiopía ou Eslovaquia que teñen recibido un gran recoñecemento internacional pola rapidez e eficacia da súa resposta fronte á Covid-19.

Ademais de difundir un manifesto, a Concellería de Igualdade porá a disposición da veciñanza unha “Guía de linguaxe non sexista”, elaborada ao abeiro do III PIOM e que foi distribuída inicialmente entre o persoal municipal. Trátase de 24 páxinas con exemplos para conseguir unha linguaxe integradora e non sexista, que inclúe explicacións sobre o uso dos xenéricos, dos desdobramentos, das barras e das arrobas, así como dos cargos e profesións.

Finalmente, o xoves 11 de marzo, ás 19:45 horas, terá lugar a proxección do filme “María Solinha”, protagonizada por Laura Mïguez e Grial Montes e dirixida por Ignacio Vilar. A proxección terá lugar no campo de fútbol de Bastavales, baixo o formato de autocine. A entrada é gratuíta, pero é preciso reservala antes na web http://autocine.gal.