O Laudamuco de textos teatrais é un premio que homenaxea a figura de Roberto Vidal Bolaño. esta outorgado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. Francisco Antonio Vidal Blanco, nado na Bouciña (Palmeira), recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.
A concelleira de Cultura, Sandy Cebral Gómez, destaca que “a pesar da situación excepcional por mor da pandemia da Covid-19, dende o Concello de Brión mantemos o noso compromiso coa cultura e vimos de fallar a terceira edición do Premio Laudamuco”. O acto de entrega está previsto para o domingo 16 de maio en Brión, momento no que Francisco Antonio Vidal Blanco sucederá no palmarés do Premio Laudamuco a Raúl Dans e Xavier Lama López, gañadores das edicións anteriores.
Premio por unanimidade
O xurado estivo formado por Pilar López Pérez, Xoana Balado Fernández, Gonzalo Rodríguez Calvo, Xulio Lago Alonso e Manuel Guede Oliva, persoas vencelladas á Academia Galega de Teatro. Os membros escolleron por unanimidade o texto titulado “A vinganza de Fortimbrás” entre os 47 presentados ao certame. O xurado destacou “o evidente interese que este premio concita, maila os seus poucos anos de vida, a teor do elevado número de textos presentados. É de supoñer que Roberto Vidal Bolaño estaría compracido”.
Segundo a acta do xurado, “A vinganza de Fortimbras” é “unha precuela que vén a dialogar co mito hamletiano e no que o autor rearma a historia shakesperiana, como antes fixera Álvaro Cunqueiro, propoñendo unha relectura na que os personaxes secundarios do drama orixinal pasan aquí a se converter en protagónicos, nun xiro de guión sorprendente e enriquecedor e no que é fácil percibir o amplo coñecemento por parte do autor ou autora da estrutura interna da obra de Shakespeare e no que Elsinor comparece como un espazo para abrigar novas hipóteses e traelas, de novo, a nós”.
O xurado destaca “o uso da lingua, eficaz e diáfana, a axilidade dos diálogos, sempre en progresión, e unha sabia construción da andamiaxe teatral na que se adiviña o pulso de alguén que coñece os interiores da escrita dramática. Vinganza, sexo e poder son tres das forzas principais que están presentes na acción e que mobilizan unha inquietante galería de personaxes, presentes uns, ausentes moitos outros, mais posuidores todos eles dun alto interese dramático; definitivamente, interesantes modelos nos que habitan as luces e as sombras dos comportamentos humanos”.
Apertura da plica
A situación de pandemia sanitaria alterou o normal desenvolvemento do protocolo de apertura da plica correspondente ao nome do autor ou autora do texto premiado. Un acto que debería terse celebrado o propio 8 de abril, data da reunión telemática do xurado, e que finalmente tivo lugar hoxe luns 12 de abril, ás 10:00 horas, na Casa da Cultura de Brión. Un acto no que participaron a concelleira de Cultura de Brión, Sandy Cebral Gómez; Manuel Guede Oliva, en representación do xurado; e Alberto Álvarez Escudero, xestor Cultural do Concello de Brión.
Francisco Antonio Vidal Blanco (Palmeira, Ribeira, 1957) é escritor e etnógrafo. Desde 1977 colabora con distintos medios xornalísticos con artigos de temática variada, desde a etnografía ata a ciencia: A Nosa Terra (1980-2003), O Correo Galego (1999 a 2000), El Periódico de Arteixo (2003) e La Voz de Galicia (desde 2005). Ten publicado nove novelas na editorial Toxosoutos, catro ensaios (tres deles sobre a figura de Manuel Murguía) e unha peza teatral infantil-xuvenil “A serea (2006, Fervenza).
O Laudamuco será o seu primeiro premio literario en materia teatral, se ben ten recibido outros galardóns pola súa obra de narrativa, entre os que figuran o Premio de Narrativa do Concello de Vilalba de 1992 e 1997, o Premio Terra de Melide de 2005, o premio de Narración de Aventura Avilés de Taramancos de Noia en 2003 ou o Premio Sereo 2017 da Asociación Cultural Barbantia, á súa traxectoria cultural, entre outros.