"Altamira Brilla" regresa na súa segunda edición cun amplo programa de actividades que inclúe a presentación no Pazo da Peregrina en Bertamiráns do proxecto e posta en valor das Torres de Altamira cos traballos de investigación que se están levando a cabo para a elaboración do plan director das Torres de Altamira, unha ruta histórica, a representación da batalla a cargo do grupo Os Quinquilláns e os concertos de Caldo e Grande Amore.
Dúas xornadas festivas e múltiples actividades
As conmemoracións iniciaranse o venres 10 de xuño cun acto que terá lugar no lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 20:00 h. no que se presentarán o proxecto e posta en valor das Torres de Altamira e as investigacións e os avances nos traballos para a elaboración do plan director das Torres de Altamira nunha sesión na que intervirá o arquitecto Mario Crecente.
O día 11, pola maña, terá lugar unha ruta teatralizada polos escenarios da batalla en territorio dos concellos de Ames e Brión. Para participar nela será necesario facer reserva previa. O autobús que recollerán aos participantes sairá da Carballeira de Santa Minia ás 09:30 h. e do Pazo da Peregrina en Bertamiráns ás 09:45 h. Para reservar, as persoas interesadas en participar deberán enviar unha mensaxe onde indicarán o nome, apelidos e DNI ao seguinte correo electrónico: rutabatallaaltamira@gmail.com
Pola tarde, a partir das 19:15 h., sairán dende a Carballeira de Santa Minia dirección ás Torres de Altamira os autobuses para acudir á representación artística e aos concertos programados, xa que non se permitirá acceder con vehículos particulares. A entrada é de balde con reserva previa en: https://www.woutick.es
A recreación teatral a cargo da compañía Os Quinquilláns da Batalla de Altamira dará inicio ao programa artístico que se completará cos concertos de Caldo e Grande Amore. O fin de festa, que incluirá petiscos a cargo da organización, será arredor das 23:30 h. A partir desta hora está previsto o regreso dos transportes á Carballeira de Santa Minia.
Conmemoración histórica
Foi un 13 de xuño de 1471, hai agora 551 anos, en que aconteceu a grande batalla que tivo lugar ao pé das Torres de Altamira, un monumento considerado Ben de Interese Cultural e situado nun espazo privilexiado que o converte en magnífico miradoiro sobre o Val da Maía. Construídas no século IX, as Torres de Altamira foron derrubadas no século XIV e reconstruídas en 1471.
Posibelmente un incendio no século XVIII contribuiría á deterioración do ben que a finais do século XIX foi utilizado como "canteira" para a construción. A Deputación da Coruña mercou a propiedade en 1973 iniciando obras de limpeza e consolidación dos restos da fortaleza da que hoxe só fican en pé restos da muralla e da base dunha das torres ademais dalgunhas ventás con arcos da reconstrución de 1471.