A Dirección Xeral de Cultura deu onte a coñecer a resolución das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 2 de decembro de 2022, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a entidades locais de Galicia titulares de bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia.
Unhas axudas destinadas á dotación de novidades editoriais en galego e mellora das coleccións das bibliotecas galegas correspondentes a 2023 ás que, un ano máis, concorreu a biblioteca pública municipal de Brión. No programa A: subvencións para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico, a biblioteca municipal foi dotada con 1.188.11 €. A esta cantidade hai que sumar os 2.072,84 € que o centro recibe no Programa B, subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas.
Estas axudas, sumadas ás partidas orzamentarias propias, permitirán incorporar nos vindeiros meses novos materiais que actualizarán e anovarán os fondos da biblioteca municipal, permitindo ás lectoras e lectores acceder ás máis recentes novidades editoriais.