A sala municipal de exposicións da Casa da Cultura de Brión acolleu a presentación do libro “Poder non é querer”, unha novela coa que a brionesa Noela Rivas Cantelar debuta como escritora da man da editorial Galaxia. Un acto organizado pola Biblioteca Municipal de Brión dentro dos seus encontros literarios e que tivo lugar na noite de onte xoves, contando coa asistencia de numerosos veciños e veciñas do municipio.
A pesar da súa mocidade e de ser esta a súa primeira novela publicada, Noela xa ten unha destacada traxectoria no mundo das letras: en 2016 foi a gañadora autonómica da 8ª edición do Concurso Coca-Cola “Novos Talentos de Relato Curto” por “Bágoas de madrugada”, e foi finalista da edición en castelán, co relato “Susurro de nostalgia”.
“Poder non é querer” é unha novela que narra a historia de Mariña, que esperta aos seus 17 anos nun hospital e non lembra nada do que pasou nunha tola festa do Samaín da noite anterior. A través das interesadas confesións dos amigos do instituto e dos familiares que a visitan, vai apañando os anacos do que aconteceu e da espiral auto destrutiva na que estivo inmersa nos últimos meses.