Carlos Brandão, unha merecida homenaxe

Imaxe de Carlos Brandão nunha tertulia de sobremesa
O 11 de outubro, Brión rende unha merecida homenaxe á figura e obra do grande antropólogo brasileiro, o profesor Carlos Rodrigues Brandão. Un recoñecemento que a pandemia atrasou e que, desgraciadamente, non se lle puido facer antes.

Carlos Rodrigues Brandâo foi un prestixioso profesor da Universidade de Campinas, no estado brasileiro de São Paulo: dende o seu campo de investigación da cultura rural, realizou importantes achegas e deixou escritos máis dun cento de libros de investigación antropolóxica, educación, arte, medio ambiente, poesía, literatura infantil… O seu libro titulado “O que é a educaçâo” coñeceu moitas ducias de edicións tanto en portugués como en español.

En 1992 pasou catro meses na parroquia de Ons realizando investigación antropolóxica sobre a vida na Galicia rural, estadía que había de repetir varias veces en anos sucesivos. Destas xeiras entre nós, saíron varios libros, algúns publicados (Aldeas, A senda da estrela, O corpo cuberto de cores, O caminho da estrela…). O primeiro fora primorosamente editado polo Concello de Brión no ano 2003 e repartido gratuitamente en todas as casas. Quedan sen editar preto dunha ducia de títulos relacionados con Galicia: o máis importante, o verdadeiro traballo de investigación antropolóxica do mundo rural galego, A crônica de Ons. Tamén sen publicar e tendo a Galicia como obxecto, quedaron: Com o sol de outono sobre os hombros, O caminho do fim do mundo, Uma estrela, un caminho, un peregrino, Breviârio do Norte, Vida peregrina – trilhas derivas travessias, Aldeas da Amahia, Festa Galega, Diário de Galicia, O sexto sol. Na biblioteca municipal de Brión deixou tamén os negativos das fotografías que fora tirando durante a súa investigación antropolóxica en Galicia.

Cando se produciu a pandemia da Covid19, a Casa da Cultura de Brión tiña preparada a exposición dunha selección das fotos de Brandâo, que el había de inaugurar, e a pandemia impediu. Veu logo o seu contaxio desta doenza que complicou outro padecemento que arrastraba e, en xullo de 2023, faleceu.

A xira por Europa do prestixioso musicólogo e intérprete da música brasileira (especialista da “viola caipira”) Iván Vilela propiciou a celebración desta velada. Iván Vilela é un profundo coñecedor da traxectoria de Carlos R.Brandâo, do que foi íntimo amigo.

Na velada do venres intervirán Amancio Liñares para resumir a pegada de Brandâo en Brión; logo, Iván Vilela, para glosar o significado do noso protagonista no contexto da cultura brasileira. De seguido, Iván Vilela e Pablo Castaño presentarán en dupla musical o recital “Matriz”. Finalmente, inaugurarase a exposición de fotografías de Brandâo.

Autor: Luciano Pena Andrade