
Os alcaldes de Brión, Pablo Lago, e Ames, Blas García, xunto coa delegada da Xunta, Belén do Campo, e o director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, visitaron esta mañá o obradoiro de emprego “Renova VII”. Unha iniciativa organizada polos concellos de Brión e Ames no que se formarán 20 persoas en Montaxe e Mantemento de Instalacións Solares Fotovoltaicas durante os próximos nove meses.
O alcalde brionés destacou o valor dobre que teñen este tipo de obradoiros xa que permiten “por unha banda, formar aos nosos veciños e veciñas nun sector como o da enerxía fotovoltaica, que precisa de empresas e profesionais cualificados. E, por outra, realizar actuacións de utilidade pública para o resto da veciñanza, como poden ser eses paneis que queremos colocar na Escola de Música Magariños ou eses novos puntos de recarga de vehículos eléctricos”. Por iso, Pablo Lago recomendoulle ao alumnado presente que aproveiten “estes nove meses de formación e recordade que estamos á vosa disposición para o que queirades, tanto nós como os técnicos dos Departamentos de Emprego de Brión e de Ames. Tanto durante o curso, como despois del”.
Para Blas García, este obradoiro é “un exemplo de como deben de ser as Administracións, de dous concellos como Ames e Brión que xa colaboramos moito pero tamén da Xunta de Galicia. As Administracións deberiamos deixar de berrar tanto e colaborar máis en iniciativas como esta para axudar a formarse ás persoas que teñen difícil acceso ao emprego”. Así mesmo, animou aos presentes para que aproveiten a ocasión de formarse nun campo puxante como é o das enerxías renovables.
Pola súa banda, a delegada destacou que este taller de emprego é posible grazas a un investimento da Xunta de case 412.000 euros, no que as 20 alumnas e alumnos realizarán intervencións de interese público nestes dous concellos. Esta partida, unida á do obradoiro 23-24, eleva o investimento da Xunta nestes talleres de emprego nestes dous concellos a case 1 millón de euros.
Actuacións
Concretamente, en Brión os participantes instalarán paneis fotovoltaicos na Escola Municipal de Música Magariños e instalarán dous puntos de de recarga para vehículos eléctricos híbridos. En Ames, instalarán estes paneis nas escolas infantís A Madalena (Milladoiro) e O Bosque (Bertamiráns), renovarán a iluminación interior e mellorarán a eficiencia enerxética en varios edificios (entre eles o propio Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova). Ademais, está previsto definir o mantemento a realizar nas instalacións fotovoltaicas executadas nos anteriores obradoiros de emprego Renova (en total durante 6 anos) nos dous municipios, entre as que figuran a escola infantil de Brión, o pavillón polideportivo de Pedrouzous, o espazo colaborativo Transformando en Brión, o centro social polivalente e a biblioteca municipal brionesa.
Belén do Campo destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. “O obxectivo –incidiu– é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación”. Neste senso, animou a todos os participantes a aproveitar a formación que van a recibir para buscar traballo e incluso para iniciar o seu propio negocio “porque cando rematedes estes 9 meses estaredes preparados para traballar nun sector que precisa, nestes momentos, de profesionais cualificados”, subliñou.