Na véspera da gran celebración das nosas Letras, o 16 de maio, o certame literario convocado polo Concello de Brión, en colaboración coa Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas, celebrou a cerimonia de entrega da súa sexta edición, que recoñeceu o texto teatral presentado a concurso por José Luís Baños de Cos. O galardón está dotado cun premio de 7.000 euros, unha figura conmemorativa elaborada polo prestixioso artista Xosé Vizoso e a edición da obra por parte de Edicións Positivas.
O texto premiado, “A porta. Un relato de violencia”, foi seleccionado entre as 49 obras presentadas nesta edición polo xurado composto por Xoana Balado Fernández, Antonio Francisco Simón Álvarez Pérez, Miguel Pernas Cora, Francisco Oti Ríos e Carlos Vizcaíno Fernández, quen actuou como secretario. Xoana Balado destacou que “o texto posúe unha poderosa dramaturxia construída a partir do cruzamento entre ficción e realidade, personaxes e intérpretes, metateatro e psicodrama, ben como o feito de a obra construír unha abafante atmosfera bélica como eixo do conflito humano, incluído o propio proceso de creación”.
O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, destacou o traballo realizado pola Academia Galega do Teatro, Edicións Positivas, o Xurado do Premio e o Departamento de Cultura do Concello de Brión, “en especial de Sandy Cebral, concelleira de Cultura, e Alberto Álvarez, técnico de Cultura, porque sen eles nada disto sería posible”. Así mesmo, recordou que “este premio naceu para homenaxear a Roberto Vidal Bolaño e tamén para cumprir o seu desexo de poder contar cunha importante escolma de textos teatrais en galego, paso fundamental á hora da profesionalización do teatro en Galicia. Pois ben, cos 49 obras presentadas este ano xa son máis de trescentas obras teatrais as promovidas por este Premio Laudamuco. Que se di pronto…”.
Pola dúa banda, Xosé Luís Baños de Cos explicou que recibir o Premio Laudamuco “é un soño. Eu empecei moi tarde a escribir teatro e Vidal Bolaño foi para min un super heroe”. Tras agradecer ao Concello de Brión, á Academia Galega de Teatro e a Edicións Positivas o seu labor de apoio ao teatro, asegurou: “eu son xente de teatro, vou ao teatro, leo teatro… e hoxe vexo aquí reunida a xente de teatro da que son moi fan, non dos que piden autógrafos pero que son xente que admiro moito. Entón, un premio dedicado a Roberto Vidal Bolaño, tan importante no teatro galego, coñecer a Paco (Francisco Macías) e estar hoxe aquí con todos vós é unha experiencia inenarrable. E teño a sorte de que hoxe estean aquí persoas que son historia do teatro e que viñeron a verme. Estou como un neno pequeno nun día de Reis”. Incluso chanceou coa ilusión de “coñecer xente que coñeceu directamente Vidal Bolaño é como se: podo tocar para ver se así se transmite algo?”.
O gañador reivindicou tamén a importancia dos premios e sinalou que “esta obra naceu polo tema da violencia. Por que tanta violencia? Todos sabemos o que está pasando en Gaza e a min cólleme de preto porque estiven un mes aló cunha beca. E téñoo moi marcado. Dáme moito que pensar. Outra das cousas que me levou a escribir esta obra foron as violacións das mulleres nas guerras. O papel da muller na sociedade, na familia… e as violacións non se teñen en conta como delitos de guerra”.
O autor
José Luís Baños de Cos (Jeréz de la Frontera, 1977) é licenciado en Dereito e en Antropoloxía Social. Leva anos residindo en Santiago de Compostela entregado a súa paixón polas artes escénicas. Como dramaturgo, obtivo varios premios teatrais, entre os que destacan o Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle (2018) con “O círculo”; o Premio Abrente do MIT de Ribadavia (2019) con “Asfixia”; o Premio Roberto Vidal Bolaño (2020) con “A cámara escura”; o Premio de Textos Teatrais dirixidos a Público Infantil da Escola Navarra de Teatro (2021), con “O neno que se agochaba dentro dunha caixa de galletas”; o VIII Premio Teatral Varela Buxán (2021) con “Segunda morte”; e o Premio Barriga Verde para textos de monicreques, na modalidade de adultos (2022) con “Nas nubes.”
José Luís Baños de Cos sucede no palmarés do Premio Laudamuco a Vicente Piñeiro, Paula Carballeira Cabana, Francisco Antonio Vidal Blanco, Raúl Dans e Xavier Lama López, gañadores das edicións anteriores. Nas súas cinco primeiras edicións, o galardón recaeu no lucense Xavier Lama López por “Na miña alma ouvea un lobo” (2019), no coruñés Raúl Dans Mayor por “Só un home bo” (2020) e no ribeirense Francisco Antonio Vidal Blanco por “A vinganza de Fortimbrás” (2021), na teense Paula Carballeira Cabana por “Dentes de coello” (2023) e no lucense Vicente Piñeiro por “Devólvenos a Xermánico!”.