En decembro, o IES de Brión acolleu tres obradoiros organizados pola Área Municipal de Igualdade dirixidos a alumnado da ESO e Bacharelato. Sergio Trillo impartiu a rapazas e rapaces de 2º da ESO o taller de educación afectivo-sexual “O meu corpo é meu”; por outra banda, o alumnado de 3º da ESO asistiu ao obradoiro “Coidadosamente”, a cargo de Belén Montesa e Sonia Martínez. Para rematar, estudantes de 1º de Bacharelato participaron no obradoiro de prevención de violencias machistas “Desconecta o Machismo” impartido por Sara Vierna.
Segundo nos comenta a Axente de Igualdade municipal, Bea Yáñez, o obxectivo principal destes accións formativas é "construír formas conscientes e responsables de “ser” e “sentir” libres das cargas impostas polos patróns tradicionais da “masculinidade e feminidade”. E potenciar formas de relacionarse na esfera afectiva e sexual, diferentes ás dos patróns que lles achega a pornografía “mainstream”, a cal é totalmente oposta ao concepto dunha relación afectivo-sexual respectuosa e igualitaria."
No segundo e o terceiro trimestres escolares, a Área de Igualdade do Concello e o IES de Brión proseguirán coa realización do resto de actividades programadas para este curso nos restantes niveis educativos.