Este festival nace coa idea de achegar a vangarda do noso cine á xente da capital de Galicia e a súa contorna pois non existe experiencia similar na nosa comarca que poña en valor o presente do audiovisual galego que está a atravesar unha época prolífica e chea de éxitos.
Os días 12, 13 e 14 de abril de 2024 proxectaranse tres filmes que presentan a actuación ou a dirección, como mínimo, dun artista da nosa terra. As películas escollidas para esta ocasión son:
· Honeymoon de Enrique Otero (2023).
Guión, Roberto G. Méndez, Enrique Otero. Con Javier Gutiérrez, Nathalie Poza, María Vázquez, Fernando Albizu e Antonio Duràn.
Eva e Carlos son un matrimonio en destrución, unha parella en ruína. Xa non lles une nada, ata que unha circunstancia inesperada lévaos a emprender unha viaxe xeográfica e emocional co fin de conseguir diñeiro para remediar unha situación que lles cambiou a vida.
· Amigos hasta la muerte de Javier Veiga (2023).
Con Mauricio Ochmann, Marta Hazas, Javier Veiga, Luna Gallego e Nucho Nugo.
María, Nacho e Suso son tres amigos de toda a vida. Xuntos compartiron moitas cousas, quizais mesmo demasiadas... E de súpeto, a dous deles vailles a tocar compartir o secreto de que o outro se vai a morrer. Pero antes quédalles moito por facer: plans, promesas, reproches, risas, reconciliacións, recordos, máis risas, algunha bágoa… e algo pendente que quizais chegou a hora de destapar.
· ¡Salta! de Olga Osorio (2023).
Guión, Olga Osorio, Araceli Gonda. Con Tamar Novas, Marta Nieto, Mário Santos, Rubén Fulhencio e Mabel Rivera.
Óscar e Teo (13 e 10 anos) son dous irmáns, moi distintos entre si, que viven nun modesto piso de barrio. É o verán de 1989. Teo é futboleiro e un pouco atravesado, Óscar un resabido que prefire pasar as tardes de verán estudando a teoría da relatividade. En realidade, cada un lida á súa maneira coa desaparición da súa nai, unha prometedora científica obsesionada cos buracos de verme. Longametraxe que adapta unha curtametraxe da propia directora, "Einstein-Rosen".
Nesta segunda edición do festival contaremos coa presenza destacada de actores e directores que realizarán a presentación e comentarán co público os seus últimos traballos. Non faltará a alfombra vermella, photocall, petisqueo e música ao vivo antes e despois das proxeccións. Nos próximos días informaremos dos horarios e invitados desta edición.
O lugar elixido para a celebración do Festival “Otremo”, organizado por Aldea Producións xunto co Concello de Brión, é o Centro Social Polivalente, lugar onde se proxectarán as tres películas e se realizarán os recibimentos e charlas-coloquio. En poucos días desvelaremos os horarios, a programación completa e o lugar onde se poderán retirar as invitacións gratuítas para asistir aos pases das películas.
#brionsenirmaislonxe