O Concello de Brión, co apoio da Academia Galega de Teatro e de Edicións Positivas, convoca o VII Premio “Laudamuco” para Textos Teatrais 2025. Unha iniciativa que busca estimular e apoiar a creación dramática en lingua galega e contribuír ao recoñecemento da figura e obra do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, por todo o que representou e segue a representar para a nosa cultura.
Este certame literario, xa consolidado, estará dotado dun premio en metálico de 7.000 €, ademais da edición da obra gañadora a cargo de Edicións Positivas. A el poderán concorrer autoras e autores de calquera nacionalidade, sempre que presenten obras dramáticas inéditas, nunca antes premiadas e escritas en lingua galega.
O tema e a extensión da obra será libre. Os orixinais deberán presentarse exclusivamente en formato dixital ata as 23:00 h. do día 29 de xaneiro de 2025, no correo electrónico recollido nas bases de participación (preme para consultar). O xurado do premio estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito das artes escénicas que serán as encargadas de emitir o veredicto final.
Tralo fallo do xurado, o galardón entregarase no transcurso dun acto que se celebrará o día 16 de maio de 2025, corenta e sete aniversario da estrea de “Laudamuco, señor de ningures”, a peza coa que o teatro galego iniciou a súa singradura profesional o 16 de maio de 1978 da man da compañía Antroido, dirixida por Roberto Vidal Bolaño. Unha iniciativa determinante para o conxunto do sistema teatral galego e sen a que non se podería explicar a súa historia posterior.