Vinte e tres artistas chegados dende distintos puntos do Estado compartirán en Brión unhas xornadas de convivencia e intercambio artísticos coa veciñanza durante a fin de semana do 17 ao 19 de xuño. Un Encontro coa Arte que este ano homenaxeará a Laxeiro, unha das figuras máis senlleiras da nosa pintura.
Ademais dos tradicionais obradoiros de pintura do natural que se realizarán en lugares tan significativos como Noia (cambiase o Paseo do Río Pego por previsión de choiva), a Carballeira de Santa Minia ou Ponte Maceira, as xornadas incluirán uns talleres de técnica artística dirixidos ao alumnado do CEIP de Pedrouzos, a inauguración da mostra das obras doadas ao Concello no último Encontro celebrado en 2019, unha actuación musical a cargo de Xoán Eiriz, o Mercado da Arte e tamén un concurso de pintura e debuxo dirixido aos máis novos.
Os artista que van participar na edición de 2022 son Alba Roqueta, Antón Sobral, Beatriz Ansede, Camilo Seira, Carmen Hermo, Chelo Rodríguez, Frutos Casado de Lucas, José A. Regidor, José Galarzo, Laureano Vidal, Manuel Ayaso, Manuel Méndez, María Carmen Martínez, María Xesús Díaz, Paco Casal, Rafael Arroyo, Ricardo de Arce, Ricardo Rilo, Siro, Tino Canicoba, Veiras Manteiga, Xosé Vázquez Castro y Xosé Vizoso.
Venres 17, comeza o Encontro coa Arte: Lembrando a Laxeiro
O venres arranca a programación do encontro cun obradoiro de pintura de acuarela dirixido ao alumnado do CEIP de Pedrouzos e impartido polos artistas José A. Regidor, Frutos Casado de Lucas, José Galarzo e María Carmen Martínez, verdadeiros especialistas nesta técnica.
Pola tarde, de 17:00 a 20:00 h. os pintores trasladarán os seus cabaletes ata Ponte Maceira, lugar onde iniciarán a primeira das xornadas de pintura do natural. Máis tarde, ás 21:30 h., trasladaranse á Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) en Pedrouzos onde terá lugar a inauguración da mostra das obras doadas no XIV Encontro coa Arte celebrado en 2019 e dedicado a Antón Fraguas.
Sábado 18, cambia para o domingo a celebración do concurso de debuxo e pintura rápidos
O sábado, a partir das 10:00 h. (aproximadamente), os artistas trasladarán os seus obradoiros de pintura ata a vila de Noia (en substitución do Paseo do Río Pego por previsión de choiva), onde permanecerán ata as 19:00 h. Neste espazo inspiraranse para realizar as súas obras e o público que desexe poderá acompañalos e contemplar todo o proceso creativo que aparella a execución dunha pintura.
O Concurso de Pintura e Debuxo dirixido a público infantil e xuvenil traslada a súa data e lugar de celebración ao domingo 19 e á Carballeira de Santa Minia. Información sobre as bases de participación na seguinte ligazón.
A xornada do sábado concluirá ás 21:00 h. cun recital a cargo de Xoán Eiriz que presentará no Centro Social o espectáculo "Amada Rosalía”. A entrada será de balde ata completar aforo.
Domingo 19, concurso de pintura e peche das xornadas
De 9:30 a 13.30 h. a Carballeira de Santa Minia acollerá a terceira xornada de pintura do natural, derradeira oportunidade deste Encontro para contemplar a creatividade e técnica dos artistas participantes. Tamén se celebrará neste mesmo espazo o Concurso de Pintura e Debuxo Infantil-Xuvenil previsto para o sábado. Unha vez remate a sesión, entregaranse os premios do Concurso ás obras mellor valoradas.
Durante as tres xornadas do Encontro, a Sala Municipal de Exposicións da Casa da Cultura acollerá un Mercado da Arte onde o público que o desexe poderá visitar e adquirir obras dos distintos artistas participantes no Encontro. Este mercado estará aberto o venres de 16:30 a 21:00 horas, o sábado de 9:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas e o domingo de 9:30 a 13:30 horas.