20-10-2023
     
20:30 h.
Centro Social Polivalente de Brión

OUTONO CULTURAL 2023 | TEATRO | TEATRO DO NOROESTE - FEIRANTES

Teatro do Noroeste presenta en Brión a obra "Feirantes"

Xénero: Realismo máxico galego | Público adulto.
Autor: Álvaro Cunqueiro | Adaptación teatral: Eduardo Alonso | Intérprete: Imma António

Data: venres, 20 de outubro
Hora: 20:30 h.
Lugar: Centro Social Polivalente

SINOPSE:

“FEIRANTES” é un espectáculo teatral baseado nas narracións de Álvaro Cunqueiro recollidas no seu libro “OS OUTROS FEIRANTES”. Como se sabe, nestas narracións aparecen reflectidas as andainas de diversas e curiosas personaxes: aquel que falaba co seu cabalo; o outro ó que lle falaban as cousas: as cadeiras, as zocas, a culler, o seu propio estómago; aquela voadora de Serantes que voaba sentada nunha banqueta; aquel Tristán García que morreu de tristura porque non atopou a súa Isolda; aquel Novagildo Andión que recorría as feiras co seu autobús, transportando persoas e animais, que nalgúns casos ven sendo o mesmo; ou aquel que tiña un ollo de cristal, que como o oculista non tiña outro deulle un de segunda man cor violeta, que fora un encargo dunha viúva que morreu antes de disfrutalo, e tódalas mozas querían ter fillos con el para ver se herdaban esa fermosa cor de ollos; ou aquela Anxeliña de Prado que naceu anana, pero cunha habilidade, bordar panos con lendas para os velorios: “¡Adeus, padriños queridos!”, “¡Agárdovos a todos no ceo!”, “¡Deica volta, compañeiros!”, e cousas así. Todas estas tenras, máxicas e líricas personaxes aparecen reflectidas en “Feirantes” a través dun fío conductor, dun nexo común que as interrelaciona, e este nexo non podía ser outro, na vida dunhas personaxes tan fondamente galegas, que unha vaca, o animal totémico da cultura rural galega.

Entrada de balde ata completar a capacidade do local. É preciso reservar entrada na Billeteira do Concello de Brión.

Actividade organizada co patrocinio do programa Rede Cultural da Deputación da Coruña

Fecha Fin
2023-10-20