Un total de 53 veciños e veciñas de Brión, todos maiores de 60 anos, desfrutaron onte martes dunha excursión a Lugo e dunha estancia na fonte termal da Charca do Alligal (Vilalba). Trátase da cuarta sesión das “Xornadas de Verán para maiores de 60 anos” organizadas polo Concello de Brión e que levaron de excursión a máis de 200 maiores do municipio durante este mes de xullo.
A concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero, explica que “foi un programa que tivo unha gran acollida por parte dos nosos maiores, que desfrutaron moito destas saídas que, por primeira vez, incluían unha guía para non perderse ningún detalle dos lugares que visitabamos”. Así, durante a xornada de mañá, os maiores de Brión fixeron un percorrido guiado pola cidade de Lugo e a súa muralla, para finalizar cunha visita ao Museo Provincial. Tras xantar en Vilalba, a expedición trasladouse á Charca do Alligal, onde desfrutaron durante varias horas das súas augas termais antes de emprender viaxe de volta a Brión.
As programación destas “Xornadas de Verán” comezou cunha excursión ao Grove, cun paseo en barco pola ría con degustación de mexillóns e visitas á Illa da Toxa, ao miradoiro de Siradella e a Vilagarcía de Arousa. A segunda viaxe tivo como destino Valença (Portugal), onde ademais de facer as súas compras puideron saborear o bacallau, antes de volver a Brión tras parar na Virxe da Roca (Baiona). A Mariña lucense foi a protagonista da terceira viaxe, con visitas a Burela, Viveiro, o miradoiro de San Roque e a fábrica de Sargadelos. “Foi unha visita que lles chamou moito a atención, pois puideron ver o proceso artesán de elaboración das famosas cerámicas e mesmo entenderon a razón do seu prezo”, sinala Rosa Romero.
A concelleira de Servizos Sociais apunta que “empezamos este programa despois da pandemia, facendo visitas no propio Brión. Despois comezamos a saír pola contorna, con visitas á Cidade da Cultura, Santiago, Cambados... e xa o ano pasado viaxamos ás termas de Ourense. A acollida está sendo fantástica e seguiremos organizando novas actividades para promover o envellecemento activo dos nosos maiores”.