Comeza a selección de participantes para a nova edición do Programa Integrado de Emprego dos Concellos de Ames e Brión 2024 - 2025

InserAmesBrion
Ábrese o prazo para solicitar praza na nova edición do Programa Integrado de Emprego dos Concellos de Ames e Brión (2024-2025). Esta edición o programa está aberto a 100 persoas desempregadas.

O novo Programa Integrado de Emprego dos concellos de Ames e Brión desenvolverase entre os meses de outubro de 2024 e setembro de 2025. O programa está subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 220.000 € e confinanciado polos concellos de Ames e Brión. O obxectivo do programa é que, como mínimo, o 40% das persoas participantes atopen un traballo, porcentaxe superada nas últimas edicións executadas dos programas integrados.

Para participar no programa as persoas interesadas deben estar inscritas como demandantes de emprego e encadrarse nalgún dos colectivos seguintes:
- Persoas menores de 30 anos desempregadas dos concellos de Ames e Brión.
- Persoas maiores de 45 anos desempregadas dos concellos de Ames e Brión.
- Persoas desempregadas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción (RAI)
- Mulleres desempregadas dos concellos de Ames e Brión.

Os programas integados de emprego de Galicia están dirixidos á mellora de ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación desemprego, desenvolvendo de xeito obrigatorio as seguintes accións: información, orientación e asesoramento, formación, técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea, habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista, fomento da capacidade emprendedora, prospección empresarial, emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes, prácticas profesionais non laborais en empresas, en consonancia preferentemente co contido teórico-práctico das accións formativas e obradoiros sobre mobilidade laboral.

ACTIVIDADES
As persoas participantes formaranse nos ámbitos do comercio, almacén, limpeza, ocio e tempo libre, turismo e administración e xestión, podendo elixir a formación que mellor se adapte ao seu perfil ou ás súas preferencias. Tamén poderán recibir formación de carácter transversal: obradoiros de entrevistas, busca activa de emprego, novas tecnoloxías, idiomas (Inglés), hixiene e manipulación de alimentos, primeiros auxilios, habilidades sociais e de comunicación, motivación, marca persoal, etc.

Terán titorías individualizadas nas que se lles facilitará información e orientación para a busca de emprego ou o autoemprego, así como outros recursos que poidan necesitar para mellorar a súa empregabilidade (asesoramento para axudas e subvencións, homologacións, formación regrada, mobilidade laboral, etc.).

Ademáis poderán realizar prácticas en empresas da contorna relacionadas co sector ou sectores de actividade nos que prefiran formarse.

BOLSAS E AXUDAS Á CONCILIACIÓN
As persoas que formen parte do novo Programa Integrado de Emprego Ames-Brión terán dereito a unha bolsa de 10 €/día pola asistencia ás diversas accións do programa. Tamén se poñerá a disposición das persoas participantes axudas para a conciliación da vida laboral e familiar. Estas axudas estarán destinadas a cubrir os gastos de gardería e/ou atención ás persoas dependentes.

O Programa desenvolverá as actividades no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames (Rúa Costaneira, 2. Urb. Aldea Nova. Ames)

EDICIÓN ACTUAL 2023/2024
Continúa a desenvolverse a edición actual 2023-2024, que rematará o vindeiro 12 de novembro de 2024. Á data actual do programa, xa están a traballar ou traballaron o 50 % dos participantes, superando obxectivo de inserción inicial.

Ao longo do programa desenvolvéronse catro itinerarios formativos de carácter sectorial, nos que se incluían diferentes cursos: actividades para a infancia e a xuventude; actividades de comercio e atención ao público; xestión e organización do almacén e turismo, acompañados de prácticas non laborais en empresas do concello e a súa contorna.

Os itinerarios completaronse con formación transversal en Inglés, Manexo de carretilla elevadora, Hixiene e manipulación de alimentos e técnicas de primeiros auxilios, entre outros, ademais de toda a formación en habillidades sociolaborais e busca de emprego

PARA MÁIS INFORMACIÓN:
As persoas que cumpran os requisitos indicados e estean interesadas poden cubrir o formulario cos seus datos pinchando na seguinte ligazón: https://forms.gle/EAUP78a8hQGQ4Uns7

Para ampliar información sobre o Programa poden contactar no enderezo: inseramesbrion@gmail.com ou nos teléfonos 608 459 678 (María) e 663 771 876 (Pablo).