O Concello de Brión conmemorará un ano máis o Día do Libro cun especial programa de activades organizadas dende o Departamento de Cultura que inclúen unha solta de libros, un espectáculo de narración oral para crianzas, unha presentación bibliográfica, unha homenaxe a Isaac Díaz Pardo e varias propostas a través das redes sociais da biblioteca. Unha programación aberta a toda a veciñanza e totalmente de balde.
Así, o venres 22 e o sábado 23 de abril terá lugar unha nova solta de libros por parte do Concello de Brión. Baixo o nome de “Colle o teu libro e corre”, o Concello brionés porá a disposición da veciñanza centos de exemplares para fomentar a lectura. Os libros poderán recollerse na Biblioteca Municipal o venres 22, de 16:00 a 22:00 horas, e o sábado 23 de abril, de 9:00 a 14:00 horas. Tamén será posible recoller os libros na Casa da Cultura, neste caso o venres 22, de 9:00 a 14:00 horas. Trátase do cuarto ano consecutivo, coa excepción do confinamento de 2020, no que se celebra este tipo de actividade, se ben sempre con distinto nome: Libros para sermos libres (2028), Libros libres (2019), Libros desconfinados (2021) e o actual Colle o teu libre e corre.
Espectáculo e libro
Así mesmo, o venres 22 de abril haberá outros dous actos culturais na sala municipal de exposicións de Brión. Ás 18:00 horas, o grupo Trinketrinke Teatro porá en escena “Aprendendo a querer”, un espectáculo de narración oral dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos de idade. Unha actuación que nos presentará aos ratos e ratiñas de Lonxedetodo, que saben da importancia de tratárense con respecto os uns aos outros. A entrada é de balde ata completar aforo. Aquelas persoas que desexen reservar as súas butacas, poden facelo enviando unha mensaxe a bibliotecadebrion@briondixital.org indicando o nome dun adulto, un teléfono de contacto e a cantidade de localidades a reservar.
Dúas horas e media máis tarde, ás 20:30 horas, o mesmo espazo expositivo de Brión acollerá a presentación do último libro de Arantza Portabales: “Sobrevivindo”, unha obra publicada pola Editorial Galaxia en 2022 e que xa vai pola súa segunda edición. Ademais de Arantxa Portabales, o acto contará coa presenza do alcalde de Brión, Pablo Lago, e da propietaria librería Cronopios, Mercedes Corbillón.
Outras homenaxes
A maiores, a Biblioteca Municipal de Brión ten programadas outro tipo de actividades conmemorativas dende a semana do 18 de abril, data na que compartirá a través das Redes Sociais recursos culturais e informativos para a lectura e o lecer. Así, ata o 30 de abril compartirán libros e contidos dixitais accesibles en préstamo desde a plataformas GaliciaLe e Bibliodacoruna.
A maiores, en colaboración co artista brionés Fran Lareo, a biblioteca municipal fará unha pequena homenaxe a Isaac Díaz Pardo cunha exposición bibliográfica vertebrada arredor dunha peza artística de Fran Lareo inspirada na figura do intelectual galeguista, pintor, ceramista, deseñador, editor e empresario compostelán. A mostra exhibirase na biblioteca dende o día 20 de abril.
Finalmente, dende a biblioteca municipal brionesa convidan á veciñanza a partillar os seus libros favoritos e/ou os libros que están lendo agora a través de Facebook e Twitter, co cancelo #librosdanosavida ou #librosconcaratula, respectivamente.