Xa fai un ano, membros da USC, realizaron un informe sobre o estado das árbores que conclúe que moitas delas, con mais de cen anos de antigüidade, están moi enfermas e deterioradas e os tratamentos que se aplicaron non fixeron os efectos desexados. Tamén se indicaba que estas árbores poden supoñer un perigo para a veciñanza polo seu risco de caída, e por iso, xa na anterior edición se limitaron as orquestras e os postos de venda que se instalaban na Carballeira durante a Romaría de Santa Minia.
Foi en outubro do ano pasado cando tivo lugar o último contratempo serio ao derrubarse un dos carballos mais senlleiros que coroaba a entrada da carballeira. Foi tras unha noite de fortes choivas e ventos e neste caso non tiveron que lamentarse danos persoais nin materiais. Pero o episodio mais grave producíase no ano 2021 cando outra árbore de grandes dimensións caia sobre as dependencias da Casa da Cultura derruíndo parte do tellado e mais do balado exterior e danando considerablemente o ascensor para persoas con mobilidade reducida que se atopa na entrada da mesma.
Por sorte estes sucesos tan só quedaron en sustos, pero puideron ter consecuencias maiores xa que a Carballeira de Santa Minia é un dos lugares mais concorridos do Concello e onde mais xente se aglomera, especialmente durante a celebración da Romaría de Santa Minia.