O Concello de Brión participa por primeira vez nun programa de cooperación, denominado “Especialistas en cooperar”, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Unha iniciativa na que participarán dúas técnicas municipais, a axente de Emprego e Desenvolvemento Local de Brión, Lola Landeira, e unha técnica agrícola do concello de Nigrán, Carla Pérez.
O proxecto consiste en impulsar un desenvolvemento económico local sustentable e participativo no municipio de Tarafal, na illa de Santiago (Cabo Verde). Trátase dun proxecto a catro anos que nesta primeira fase se centrará na identificación dos recursos agrícolas e ambientais (de aí que os perfís solicitados foran o de especialista en desenvolvemento económico local e o dunha técnica ou técnico agrícola). Unha viaxe que terá lugar do 5 ao 25 de agosto deste mesmo ano.
Lola Landeira explica que “será unha primeira toma de contacto coa realidade de Tarafal para facer un diagnóstico da situación e, a partir de aí, elaborar un Plan de Desenvolvemento Económico Local, que se executaría durante os catro próximos anos”. Nestes días previos, as técnicas participaron en varias sesións de formación previa á estadía en Cabo Verde, nas que dende o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade lles explicaron os aspectos chave da cooperación internacional e da comunicación para o cambio social, ademais de abortar as tarefas a desenvolver sobre o terreo en materia agrícola e de desenvolvemento local.
“A maiores, antes da nosa viaxe a Cabo Verde, manteremos unha xuntanza online con persoal de Tarafal para coñecer as súas necesidades, poñernos un pouco ao día e concretar o que imos facer o vindeiro mes de agosto”, apunta Landeira, quen apunta que “todo indica que vai ir pola promoción do sector primario e tamén polo papel da muller”.
“Esta será a primeira ocasión na que o Concello de Brión participe neste tipo de programas do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, se ben xa levamos tempo participando noutros programas de cooperación internacional como poden ser o das Vacacións en Paz, para a acollida de nenos e nenas saharauis. Nesta ocasión, escoitamos a solicitude lanzada dende Tarafal e agardamos que esta cooperación lles resulte o máis beneficioso posible”, apunta o alcalde, Pablo Lago.
A cooperación técnica é unha das ferramentas máis potentes e distintivas da cooperación internacional ao desenvolvemento impulsada polos gobernos locais, pois supón aproveitar o know how dos municipios para reforzar as capacidades das administracións públicas e organizacións das sociedades máis desfavorecidas, facilitando respostas profesionais e formación adecuada ás súas necesidades. Ese é precisamente o principal obxectivo de Especialistas en Cooperar, que tamén favorece o intercambio de experiencias e un maior coñecemento da realidade dos países cos que o Fondo Galego está a colaborar.
A través das iniciativas de cooperación técnica do Fondo Galego, desde o ano 2005 un total de 53 empregadas e empregados da administración local teñen colaborado cos parceiros da entidade en Nicaragua, Cuba, Perú, Mozambique e Cabo Verde, contribuíndo así á mellora da calidade de vida da poboación e xerando fluxos de coñecemento compartido.