Outono Cultural 2024

Imaxe de cabeceira do cartel do Outono Cultural 2024
En outubro, arranca unha nova edición do Outono Cultural do Concello de Brión. Unha variada programación cultural e de lecer que se estenderá ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro.

Coa chegada do outono, Brión estrea nova programación cultural para os meses de outubro, novembro e decembro. Un programa onde destacan as artes escénicas, con numerosas propostas tanto de teatro profesional como amador.

Estamos a falar do Outono Cultural 2024, que se inicia o sábado 5 de outubro coa representación da obra “Croquetas” da Agrupación Teatral Mariñán. Unha montaxe teatral que abre o ciclo de teatro amador FEGATEATRO, nado da colaboración entre o Concello de Brión e a FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado).

Teatro afeccionado e profesional para os venres e sábados do outono

Na edición deste ano, o Outono Cultural centra a súa proposta cultural e de lecer nas artes escénicas, con representacións teatrais os seráns dos venres e sábados. Por unha banda, o ciclo FEGATEATRO achegará os sábados ao Centro Social Polivalente diferentes e interesantes propostas de teatro amador. Será a partir das 20:00 h., con entrada de balde ata completar a capacidade da sala.

O serán dos venres, ás 20:30 h., o Centro Social tamén acollerá unha representación de teatro profesional, con entrada de balde ata completar a capacidade do local. Neste caso, será preciso reservar as butacas a través da Billeteira municipal. (en breve)

Homenaxe a Brandão, exposicións, música e o Magosto

As propostas musicais estarán representadas polo concerto de Ivan Vilela & Pablo Castaño que presentarán Mat[R]iz, un recital enmarcado na homenaxe que o Concello de Brión dedicará ao profesor Carlos Rodrigues Brandão, destacado antropólogo brasileiro que visitou Brión nos anos 90. Terá lugar o venres 11 de outubro no Centro Social. O serán comezará ás 20:00 h., con dúas conferencias a cargo de Amancio Liñares Giraut e Ivan Vilela e rematará coa inauguración da exposición “Brandão 1993: Brión a vista de antropólogo”. O acto estará conducido por Luciano Pena Andrade.

Outra interesante exposición será a que se inaugurará o 17 de outubro no Centro Social Polivalente. Unha mostra a cargo do fotógrafo Toño Villar que presenta en Brión “O artesán: as mans sabias” . Unha escolma de imaxes que reproducen o traballo diario no seu obradoiro do luthier Xosé Tunhas.

A segunda das propostas musicais será un concerto de Julia Vari e Carlos Arévalo, “Boleros del alma”, que se celebrará o sábado 16 de novembro ás 20:00 h. no Centro Social de Brión.

Como tódolos anos, non faltará a cita co tradicional Magosto. Será o venres 29 de novembro na Praza das Polbeiras.

Esta programación conta co patrocinio, nalgúns das súas propostas, da Rede Cultural da Deputación Provincial da Coruña.