O Concello de Brión investirá case 165.000 euros na adquisición de cinco fincas para vivenda protexida e vivenda libre

Pleno
É unha operación que vai ser beneficiosa para este Concello e que axudará a poñer vivenda libre e protexida a disposición da veciñanza

O Pleno do Concello de Brión aprobou a proposta da Alcaldía dun expediente de modificación de créditos por importe de 164.560 euros, financiado con cargo ao Remanente Líquido de Tesourería, para adquirir cinco terreos no municipio. Estas fincas serán destinadas á construción de vivenda protexida e libre. Unha proposta que foi aprobada cos seis votos a favor do grupo de Goberno e coas abstencións de PP e BNG.

O alcalde de Brión, Pablo Lago, explica que “se trata de cinco fincas do SAREB, taxadas cada unha en 500.000 euros, e nos trasladaron a posibilidade de adquirilas por 34.000 euros cada unha. Tendo en conta o problema de vivenda que temos a nivel nacional, entendemos que para o Concello de Brión é unha oportunidade interesante para crear vivenda protexida no noso municipio”. Lago Sanmartín sinala que a operación “é beneficiosa para o Concello porque por unha banda imos ter terreo para crear vivenda protexida, que é unha necesidade que non tiñamos cuberta en Brión, e por outra tamén teremos un retorno económico cando se saquen a concurso as outras parcelas”.

Agora resta todo o proceso de tramitación administrativa para a adquisición das parcelas e despois sacalas a concurso para a construción de vivenda libre e protexida. O alcalde apunta que “é un prezo máis que razoable e as parcelas se compran cun sentido. É unha operación que vai ser beneficiosa para este Concello e que axudará a poñer vivenda libre e protexida a disposición da veciñanza”.