Os Concellos de Brión e Ames clausuraron esta mañá o obradoiro de emprego dual “Renova VI”, no que se formaron a 20 persoas en montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas. Un acto que estivo presidido polos alcaldes de Ames, Blas García Piñeiro; e Brión, Pablo Lago Sanmartín; que estiveron acompañados pola delegada territorial da Xunta, Belén do Campo Piñeiro; e as concelleiras de Promoción Económica e de Emprego de ambos os dous municipios: Guarina Rey Vázquez (Brión) e Ana Belén Paz García (Ames).
O alcalde de Brión, Pablo Lago, agradeceu “á Xunta de Galicia pola colaboración que lle achega aos Concellos de Ames e Brión para poder desenvolver este tipo de obradoiros de emprego, que son moi importantes porque lle ofrecen formación ás persoas participantes e tamén porque deste xeito creamos unha sociedade mellor formada”. Ademais de agradecer o traballo do alumnado, “pois deixastes pegada no concello” como na renovación da piscina municipal de Bastavales, desexoulles o mellor na súa entrada ao mundo laboral. “A vós ábrevos posibilidades a nivel laboral e aos Concellos tamén nos supón un importante beneficio a través das actuacións que fixestes ao longo dos últimos doce meses. Aproveitade a formación adquirida para tratar de acceder ao mercado laboral”, indicou Lago Sanmartín.
Un punto no que coincidiu Blas García, quen salientou que “seguiremos apostando por este tipo de obradoiros formativos en enerxías renovables porque é importante apostar pola sustentabilidade e porque nos permite un importante aforro enerxético. Tamén é importante para vós porque vaivos facilitar atopar un emprego. Eu sempre digo que dispor dun emprego achega autonomía e dignidade. Aínda que rematades este obradoiro tedes que saber que tanto o Concello de Ames coma o de Brión, estaremos a voso carón por se necesitades axuda para axudarvos en cuestións de emprendemento ou calquera outro tema”.
Actuacións en Ames e Brión
A través deste taller de formación leváronse a cabo 22 actuacións en Brión e Ames. En Brión acometeuse a rehabilitación integral da piscina de Bastavales, realizada polo alumnado do obradoiro de emprego Renova VI onde se cambiaron a bomba de auga, os filtros da piscina e todo o sistema de tubaxes da instalación, ademais de proceder á limpeza do vaso da piscina, a mellora da zona de praia e unha completa reforma dos vestiarios, onde se cambiaron as portas e as duchas nas que, por primeira vez, hai auga quente. A maiores realizáronse traballos de mantemento nas instalacións fotovoltaicas do espazo colaborativo “Transformando en Brión”, do seu centro social polivalente, do seu pavillón polideportivo e na pérgola da biblioteca.
No caso de Ames destaca a instalación dunha nova instalación de paneis solares fotovoltaicos na estación depuradora de Sisalde, que presta servizo a Ames e Brión. Dita instalación consta 90 módulos fotovoltaicos para unha potencia total instalada de 49,5 kWp, ademais dos equipamentos adicionais para o seu funcionamento (inversores, cableado, etc.). Así mesmo executáronse traballos previos para o acondicionamento do terreo (nivelación, instalación de zapatas e lastres para os paneis, etc.). Tamén se executaron as instalacións fotovoltaicas e sistema de bombeo nas piscinas municipais de Bertamiráns e Milladoiro.
Así mesmo, realizáronse traballos de mantemento nas instalacións fotovoltaicas do centro de formación e emprego do concello de Ames, no campo de fútbol e no pavillón polideportivo de Bertamiráns, no campo de fútbol do Milladoiro, na Casa da Cultura e nas instalacións deportivas do Milladoiro, na planta EDAR da Ameixenda, na planta EDAR do Milladoiro e na estación depuradora de Lens (que presta servizo aos concellos de Ames e Brión).
Máis de medio millón de investimento
Este obradoiro supuxo un investimento de 546.546,80 euros, dos que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración achegou 367.070.62 euros, mentres que os Concellos de Ames e Brión achegaron 179.476,18 euros. Nesta sexta edición do obradoiro dual de emprego Renova participaron 20 alumnos/as traballadores/as (15 de Ames e 5 de Brión) durante 12 meses. Un alumnado que hoxe recibiu o seu certificado de profesionalidade oficial ENAE0108 de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas, ademais da especialidade do catálogo SEPE: SSCI016PO Mantemento e conservación de piscinas. En total, o alumnado completou 1.920 horas de formación teórica e práctica.
Ademais, o alumnado completou a súa formación con outros cinco cursos a maiores: curso de prevención de riscos laborais homologado pola Fundación laboral da construción, curso de carretillas elevadoras, curso de plataformas elevadoras móbiles para persoas (PEMP), curso de traballos en altura, e curso sobre a lexionela. Ditas accións formativas teñen o obxecto de inculcar prácticas seguras nos traballos e nas actuacións aprobadas (cultura preventiva) e mellorar a cualificación e empregabilidade do alumnado.
Renova VII
A delegada lembrou que Ames e Brión volverán a contar cun novo obradoiro este ano, Renova VII, coa mesma temática e cun apoio de máis de 411.000 euros que permitirá seguir formando a outras 20 persoas sen emprego destes dous municipios, ao mesmo tempo que colaboran coa prestación de servizos de mantemento das instalacións e espazos públicos para optimizar o seu funcionamento. A representante do Goberno autonómico destacou que con estes dous obradoiros a Xunta inviste en Ames-Brión case un millón de euros.
Belén do Campo destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. “O obxectivo – incidiu - é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación”. Neste senso, animou a todos os participantes a aproveitar a formación recibida para buscar traballo e incluso para iniciar o seu propio negocio “porque estades preparados para traballar nun sector que precisa, nestes momentos, de profesionais cualificados”, subliñou.
Belén do Campo subliñou que en toda Galicia os obradoiros de emprego duais supoñen un investimento por un importe de máis de 36 millóns de euros para un total de 87 accións deste tipo coas que se prevé beneficiar a máis de 1.700 persoas sen traballo.