I Campus EDS 2021 Concello de Brión

Imaxe de presentación do Campus deportivo en Brión
Esta actividade deportiva celebrarase en varias quendas do 5 ao 30 de xullo de 2021 no pavillón e campo de fútbol municipais de Brión

Esta mañá presentouse  o  I Campus EDS 2021 Concello de Brión, unha actividade que promove a Concellaría de Deportes dirixida por Sandy Cebral Gómez. A Escola Deportiva Santiago organiza este campus, que se celebrará en catro quendas do 5 ao 30 de xullo, no que tamén colaboran a Deputación de A Coruña, Feiraco e Gadis.

O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, destacou que esta actividade nace co obxectivo de “ampliar a oferta de servizos que axuden á veciñanza a conciliar a vida familiar e laboral no período estival”, e servir para que os nenos e as nenas de Brión “se divirtan e aprendan os valores que achega o deporte”.

Pola súa banda, Santiago Araújo, presidente da EDS, subliñou que a entidade é “pioneira en Galicia na organización deste tipo de campus” e amosou a súa satisfacción por levar o seu método “por primeira vez a Brión”.

Inscricións

O I Campus EDS Concello de Brión celebrarase no pavillón e no campo de fútbol municipais de 10:00 a 14:00 horas en catro quendas semanais: do 5 ao 9 de xullo, do 12 ao 16 de xullo, do 19 ao 23 de xullo e do 26 ao 30 de xullo. Dirixidas a nenos e nenas de 4 a 14 anos, as clases serán impartidas por xogadores e adestradores titulados e contarán con adestramentos específicos de porteiros.

O prezo por asistir a unha quenda é de 85 €; para dúas quendas é de 150 €; tres quendas, 210 €; e catro quendas, 240 €. Aplicarase un 10% de desconto a familias numerosas e segundos irmáns. Os prezos inclúen o equipamento e as merendas. As inscricións poden realizarse chamando aos teléfonos 981 50 99 69 (mañás) e 697 408 573 ou escribindo ao correo electrónico escolasantiagocf@gmail.com