Brión converterase esta semana na capital galega da inclusión

Presentación BRIÓNInclúe
A iniciativa "Brión Inclúe" terá lugar do 1 ao 12 de decembro con actividades para todos os centros escolares.

"Brión Inclúe" cumpre catro anos ao grande, cunha edición que terá máis actuacións e calidade que nunca. Do 1 a 12 de decembro Brión converterase na capital galega da inclusión con contacontos en lingua de signos, espectáculos de danza, humor, teatro e música para todos os públicos.

Unha oferta organizada polo Concello de Brión, xestionada por Culturactiva S. Coop. Galega, subvencionada pola Deputación da Coruña, cofinanciada por Gadis e Froiz e coa colaboración de Hotel Balneario Compostela e Restaurante Kratos.

"Como alcalde, teño que dicir que é un pracer ver como este festival se foi facendo un oco na nosa programación cultural, crecendo ano a ano e implicando cada vez a máis axentes do noso pobo", indicou Pablo Lago, alcalde de Brión, durante o acto de presentación oficial do certame. Un acto no que estivo acompañado por Fran Rei, coordinador do Festival Brión Inclúe; Sandy Cebral, concelleira de Cultura, e Alberto Álvarez, técnico de Cultura.

Tras máis dun ano marcado pola pandemia, "Brión Inclúe" volve con forzas renovadas e prestando especial atención a artistas e entidades locais como Ruth Cundíns, Asociación Art For Dent, a Escola de Pandeiretas de Brión e diversos establecementos comerciais. No mesmo sentido, e por primeira vez, os catro centros educativos de Brión participan no festival.

"Alcanzar a plena inclusión non é posible sen educación e sen implicar ao público máis novo, por iso desde a administración consideramos fundamental levar proxectos pioneiros como Brión Inclúe ás nosas escolas e institutos", indicou o alcalde brionés.

As sesións de contacontos que levarán a cabo a Federación de Persoas Xordas terán lugar na Unitaria de Os Ánxeles (mércores 1 de decembro, ás 10:00 e ás 10:45 horas; e o xoves 2 de decembro, ás 10:00), na Unitaria de Sabaxáns (xoves 2, ás 11:30) e no CEIP de Pedrouzos (luns 13 de decembro, ás 9:50, 10:50 e 11:40).

Tamén por primeira vez presentarase unha coprodución do propio festival e Pedro Brandariz: "Inclucontos", que fará a súa estrea mundial o venres 10 ás 18:00 no Centro social polivalente. O outro prato forte desta IV edición será a obra O Triciclo, da Escola Municipal de Teatro Ricardo Iniesta de Úbeda, que recibiu un Premio Max das Artes Escénicas o pasado ano.

A obra representarase o sábado 11 ás 20:00 no Centro social polivalente, e o día anterior o público terá a posibilidade de coñecer á responsable do proxecto, Nati Villar, nun encontro nese mesmo centro.

O obxectivo é, por unha banda, servir de escaparate para aqueles colectivos que traballan na inclusión social a través das artes, e, por outro, normalizar e visibilizar a diversidade funcional como parte propia da cidadanía a través das creacións culturais de persoas con distintas capacidades. Un festival que tamén achega integración ás familias destas persoas, que vivirán a integración real, o acceso integral á cultura e os beneficios que isto achega á elas mesmas e a toda a sociedade.


Todas as actividades son de balde pero é necesario reservar localidade previamente a través da billeteira municipal.

Documentos

Programa Xeral Festival BRIÓNinclúe 2021
Programa Centros Escolares Festival BRIÓNinclúe 2021