Brión Inclúe trae música, teatro e exposicións nunha programación que reivindica o dereito de todas as persoas a crear e consumir cultura. Esta iniciativa pretende concienciar (coa cultura como ferramenta de motor social) da necesidade urxente de crear espazos que garantan a accesibilidade ás artes para todo o mundo por igual.
As exposicións “Diseñatas: Illas Atlánticas” (Fundación IgualArte) e “Traballos Obradoiro de Coiro” da Asociación AVANTE estarán poderanse visitar do 2 ao 12 de novembro no Centro Social Polivalente de Brión. As actuacións comezarán o venres, 3 de novembro, cun pase de"Don Gellati" de Dani García para colectivos de persoas con diversidade funcional da comarca.
A programación tamén se achegará aos centros escolares para concienciar aos máis novos das diversas realidades que acontecen ao noso redor e, sobre todo, para facerlles ver que ninguén é alleo a elas. Así, gozarán de "Soños", unha peza teatral que fala sobre a situación das mozas e mozos tutelados e os estereotipos que os rodean. Os máis cativos tamén poderán ver un Contacontos de Cris de Caldas, "Contos para entender(nos) mellor".
O sábado, 4 de novembro, ás 20:30 h., o espazo multiusos do Centro Social Polivalente acollerá a representación de "Hugo", unha peza teatral cuxo protagonista é un cativo con TEA. O seguinte sábado, 11 de novembro, á mesma hora e lugar, representarase a peza "Ubú Rei", das usuarias de ONCE Ourense. Dúas citas abertas ao público familiar xeral.
Como broche final á programación, o domingo 12, ás 12:00h, celebrarase a tradicional Sesión Vermú con Iguatuke, Minguante e Sophie Simonds. Presentado por Andrea Bugallo.
O obxectivo de Brión Inclúe é, por un lado, servir de escaparate para aqueles colectivos que traballan na inclusión social a través das artes, e, por outro, normalizar e dar visibilidade á diversidade funcional como parte propia da cidadanía. Sempre baixo o poder da cultura como ferramenta de integración e a necesidade de seguir reivindicando o dereito a facer e consumir cultura sen barreiras.
Brion Inclúe é unha oferta organizada polo Concello de Brión, xestionada por Culturactiva S. Coop. Galega, subvencionada pola Deputación da Coruña, e coa colaboración de Gadis e Froiz.