A Deputación da Coruña compromete 150.000 euros para as obras de ampliación do pavillón municipal de deportes de Pedrouzos

Ampliación
O alcalde Pablo Lago confirmoulle hoxe ao deputado de Economía e Facenda que o concello habilitará os 390.000 euros restantes con cargo ao Remanente de Tesourería

O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, mantivo esta mañá unha reunión na Coruña co deputado delegado de Economía, Facenda, Especial de Contas, Persoal e Réxime Interior da Deputación da Coruña, Antonio Leira, para confirmar a consignación de 150.000 euros dunha subvención nominativa provincial para cofinanciar as obras de ampliación do pavillón municipal de deportes de Pedrouzos. Un proxecto xa aprobado polo pleno municipal brionés e que ascende a un importe total de 540.346,086 euros.

Pablo Lago agradeceu o compromiso da Deputación da Coruña “pois estamos falando dun proxecto moi necesario pois o actual polideportivo quedou pequeno e precisamos construír un segundo recinto que servirá tanto para a práctica deportiva como para acoller actividades culturais e educativas organizadas polo Concello, así como para o desenvolvemento de iniciativas do CEIP de Pedrouzos e o IES de Brión”. De feito, o proxecto inclúe tamén a construción dunha  pérgola de acceso á nova ampliación, que protexerá tamén da choiva ao alumnado de ambos centros escolares tanto cando teñen que agardar polos autobuses de volta a casa como nas chegadas aos colexios durante a mañá.

Agradecemento á Deputación

O alcalde de Brión agradeceulle ao deputado delegado de Economía, Facenda, Especial de Contas, Persoal e Réxime Interior a confirmación de que a Deputación da Coruña ten consignados 150.000 euros para este proxecto, de modo que o convenio de colaboración entre o Concello de Brión e a Deputación da Coruña poderá ser asinado “en canto presentemos a modificación de crédito con cargo ao Remanente de Tesourería que xa anunciamos cando aprobamos os orzamentos de 2023”.

De feito, o alcalde brionés puntualiza que “se non quixemos incluír este proxecto nos Orzamentos de 2023 era porque aínda non tiñamos confirmado que a achega da Deputación se podería facer efectiva este ano, polo que tomamos a decisión de deixalo fóra dos Orzamentos. Agora que a Deputación da Coruña confirma a concesión desta subvención nominativa en favor do Concello de Brión, só teremos que incluír o orzamento preciso nunha modificación de crédito e aprobala en Pleno”.

Proxecto de ampliación

O proxecto de ampliación do pavillón municipal de deportes de Pedrouzos inclúe a construción dun segundo recinto de 630 m2 a carón do actual polideportivo e que será utilizado tanto para a práctica deportiva como para a realización de actividades culturais e/ou educativas por parte do colexio, do instituto ou do propio Concello de Brión. O novo inmoble contará cunha capa impermeabilizante e con paneis absorbentes acústicos, polo que manterá unha boa temperatura e unhas condicións axeitadas para a práctica de calquera tipo de actividade cultural, social ou deportiva.

 

O proxecto inclúe tamén a construción dunha pérgola de acceso á nova ampliación, de 128,77 m2, que protexerá da choiva tanto ás persoas usuarias desta instalación como ao alumnado do CEIP e do IES que utilizan os autobuses escolares para achegarse ou marchar do centro durante a xornada de mañá. O alcalde lembra que “o proxecto está adaptado ás medidas máximas da parcela que temos e non imos levalo a outro lado porque queremos que esta nova instalación teña un carácter complementario para as familias de Brión”. Así, na mesma contorna estarán emprazadas a piscina municipal cuberta, a pista de pádel, o campo municipal de fútbol, o actual polideportivo municipal e a súa futura ampliación.