En maio regresa a Brión FEGATEATRO

Fegateatro maio 2022
Un ciclo de teatro amador, organizado pola FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado) e o Concello de Brión, que propón tres novas funcións no mes de maio.

En maio regresa a Brión "FegaTeatro", un ciclo que  vai achegar ao noso municipio unha oferta cultural sólida arredor das artes escénicas, cunha proposta xurdida da colaboración entre a Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA), unha recoñecida institución con 20 anos de historia, e o Concello de Brión. Nela participan grupos de teatro asociados que presentan as súas mellores montaxes teatrais.

Programa:

Día 7 maio

O grupo Teatro Escoitade de Vigo presenta "Dominó Celeste ou Que vai ser de ti, Ernesto!"

Traxicomedia. Maiores de 14 anos.

Sinopse: Que acontece cando es levado a un lugar para curarte? Por que non o entendes? Que atopas cando nada hai ao teu arredor? Por que o cerebro te leva por carreiros tan retortos? Quen provoca estes desvaríos?... Observa, entón, toda unha vida perfilada con lembranzas cando se rachan as ligazóns neuronais.

Día 14 maio

Farándula Velutina de Corcubión presenta “A derradeira bala”

Comedia. Maiores de 7 anos

Sinopse: Luciana Cardone decide abandonar as trincheiras para ir na busca doutro mundo, cheo de poesía, teatro, música…pero descuberta e xulgada polos seus superiores, é condenada a morte. Á mañá seguinte, será fusilada coa derradeira bala que garda o pelotón. Mais o amor pola música de Luciana e as súas ansias de liberdade farán que a cousa se complique un chisco polo camiño.

Día 28 maio

Disfunción Continua Teatro de A Estrada presenta “Departamento de selección”

Drama. Maiores de 16 anos

Sinopse: Este espectáculo, dirixido a un público maior de 16 anos, presenta varias personaxes que aceptan participar nun xogo cruel e perverso, onde manifestan o seu cinismo, egoísmo, intolerancia e falta de empatía. O público, xunto coas personaxes, debe decidir ata onde chega a verdade e onde comeza o truco. O espectador poderá reflexionar sobre o comportamento humano e os valores da sociedade de mercado en que vivimos. A obra, que alterna momentos máis divertidos con outros máis dramáticos, é unha crítica á deshumanización do mundo capitalista, que nos converte en inimigos e competidores, dispostos á loita máis salvaxe na que todo vale.

Todas as funcións representaranse no Centro Social Polivalente de Brión ás 20:00 h.
A entrada será de balde ata completar o aforo. A reserva de localidades farase exclusivamente en billeteira.concellodebrion.gal