Melloras para a Biblioteca Pública Municipal cun investimento de preto de 50.000 euros

BPM
As obras a realizar consisten na construción dun baño accesible, a eliminación dun chanzo existente na entrada do local e a reparación da cuberta para evitar filtracións de auga.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ven de concederlle ao Concello de Brión unha subvención por un importe de 27.000€ para o equipamento e a mellora das instalacións da Biblioteca Municipal.

.- Un novo aseo:
O local de biblioteca sitúase na planta primeira do edificio compartido con outras dependencias municipais (policía local, aula CeMIT...).
Dentro do edificio existe unicamente un baño con acceso dende o interior da biblioteca, situado no soto, con acceso pola galería común do edificio, a través dunhas escaleiras metálicas que non garanten as condicións de accesibilidade nin de seguridade vixentes.
Preténdese dotar ao local da biblioteca dun aseo propio na mesma planta, para garantir o seu uso por tódolos usuarios deste servizo público, sen ter a necesidade de saír do recinto.

.- Melloras na accesibilidade ao local:
A biblioteca fica no primeiro andar do edificio, cunha entrada accesible unicamente a través das escaleiras exteriores.
No seu momento dotouse á biblioteca dun salva escaleiras que facilita a accesibilidade á mesma de persoas con mobilidade reducida. Pero aínda queda un chanzo interior na entrada do local, que impide que poidan acceder sen axuda dunha terceira persoa, polo que a eliminación deste chanzo se converteu nunha necesidade urxente.

.- Mellora das condicións de illamento da cuberta.
Esta intervención está destinada a acondicionar os lucernarios de aluminio lacado en cor vermella, fixos, nos que, en dous deles, neste intre se están producindo humidades e incluso, en días de moita choiva gotean no chan da biblioteca provocando grave prexuízo sobre os elementos materiais bibliográficos e mobiliario da biblioteca. Para evitar isto, vanse colocar elementos perimetrais de policarbonato nos dous lucernarios.