A reunión veciñal permitiu crear unha Comisión de Seguimento presidida polo alcalde Pablo Lago e composta por un integrante de cada grupo municipal e representantes dos veciños, que terán o asesoramento de técnicos especializados para a elaborar as alegacións.
O Concello ofreceu aos veciños un servizo de asesoramento técnico para presentar alegacións particulares e volverá a convocar unha nova asemblea para dar a coñecer os recursos que se presentarán diante de Augas de Galicia.
O Concello de Brión e os veciños e veciñas de Cornanda acordaron na tarde/noite de onte xoves conformar unha fronte común para opoñerse á concesión da central hidráulica reversible do Tambre que tramita nestes momentos Augas de Galicia. Un acordo tomado na xornada informativa convocada polo Concello de Brión durante a que técnicos especializados en enxeñería e dereito deron conta á veciñanza do contido dos máis de 1.600 folios de documentación técnica achegadas polas dúas empresas que optan a esta concesión promovida por Augas de Galicia e que responderon a todas as preguntas e dúbidas dos presentes.
Dúas reunións que ateigaron o local social de Cornanda e nas que se acordou crear unha Comisión de Seguimento para elaborar as correspondentes alegacións, tanto de particulares como do propio Concello de Brión. Unha Comisión que informará tamén á veciñanza dos pasos que se vaian dando. Esta Comisión de Seguimento estará presidida polo alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e contará coa participación de:
- 8 veciños e veciñas, que se ofreceron a participar durante a xornada informativa de onte e que achegarán de primeira man a información e as suxestións da veciñanza para a elaboración de alegacións
- Un representante de cada grupo político municipal
- Un asesor técnico, un asesor urbanístico e un asesor xurídico, que se encargarán de darlle forma legal ás denuncias da veciñanza para que as alegacións sexan eficaces
O alcalde de Brión explica que “nesta reunión quedou claro que ninguén na parroquia quere que se instale esta central hidráulica reversible no río Tambre, polo que o Concello fará fronte común cos seus veciños e traballaremos conxuntamente para presentar as mellores alegacións posibles para tratar de frear a tramitación deste proxecto agora que aínda está en fase embrionaria”.
O alcalde sinala que “durante as reunións xurdiron moitas cuestións que poden ser motivo de alegación como afectacións a camiños, pozos, captacións de auga, mananciais e acuíferos, alteracións de cursos fluviais e mesmo afectacións a elementos patrimoniais... todo iso hai que analizalo e darlle forma para que poidamos presentar antes do 3 de marzo unhas alegacións técnica e legalmente fundamentadas para que Augas de Galicia denegue a petición de concesión realizada por estas dúas empresas. Queda moito traballo por diante e o Concello estará en todo momento a carón dos veciños”.
Neste sentido, volveu lembrar que toda a documentación técnica está a disposición dos veciños na casa consistorial dende o pasado 6 de febreiro, data na que foi enviada por Augas de Galicia. Documentación que tamén está dispoñible nas instalacións de Augas de Galicia en Santiago e nos concellos de Negreira, Lousame, Rois e Noia. A maiores, o Concello de Brión ofrecerá un servizo de asesoramento técnico baixo demanda no que os especialistas que participaron na reunión de onte resolverán as dúbidas do veciño e axudarano a redactar as súas propias alegacións, se é que así o desexan.
Por outra banda, o departamento de Urbanismo do Concello de Brión traballa xa no informe solicitado por Augas de Galicia sobre a compatibilidade do proxecto cos usos do solo e o ordenamento urbanístico vixente. Un traballo para o que o Concello de Brión conta cun prazo máximo de un mes, a contar dende o pasado 6 de febreiro, e que se sumará a todos os solicitados por Augas de Galicia aos organismos afectados para decidir se o proxecto causa ou non un impacto no territorio.