Brión viviu a xornada do 5 de xaneiro dun xeito moi especial, case máxico. Como cada ano por estas datas, as SS.MM. os Reis Magos non quixeron faltar a súa cita coas familias brionesas horas antes de iniciar de madrugada o arduo labor de colmar de agasallos os fogares de gran parte do mundo.
Por segundo ano consecutivo e por mor das restricións impostas pola crise sanitaria da Covid-19, a comitiva real cambiou o habitual acto de recepción no pavillón municipal por un novo modelo que, aínda que de partida máis traballoso, resultou enormemente gratificante pois permitiu que os Magos de Oriente visitaran cada unha das parroquias que conforman o Concello de Brión.
Despois de ser recibidos polas autoridades municipais en Pedrouzos, as SS.MM. de Oriente subiron a un fermoso autobús clásico para iniciar un percorrido que se prolongou durante toda a xornada. Acompañados polo alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, os Reis Magos dirixíronse cara a súa primeira escala no lugar de Cornanda. A chuviosa mañá non impediu ás Súas Maxestades recibir a todas as familias que quixeron achegarse e coñecer persoalmente a tan ilustres visitantes nas parroquias de Cornanda, Luaña, Viceso, Ons e Boullón.
Pola tarde, a comitiva proseguiu o seu percorrido con recepcións programadas nos adros de San Xián e San Salvador de Bastavales, na Carballeira de San Ramón de O Tremo, no adro do templo parroquial de Os Ánxeles e para rematar, xa ben entrado o serán, na Praza do Concello de Pedrouzos.
Mantendo os protocolos sanitarios en todo momento, crianzas, nais, pais, avoas e avós puideron coñecer a Gaspar, Melchor e Baltasar en persoa. As Súas Maxestades non dubidaron en conversar un bocadiño cos máis pequenos, momento que aproveitaron para convidar a todos os asistentes a unha merenda consistente en chocolate quente, churros e un anaco de roscón; e sen esquecer as lambetadas, que triunfaron entre as/os meniñas/os.
Unha longa xornada para as SS. MM. Os Reis Magos que, aínda que un chisco fatigosa, resultou enormemente satisfactoria e moi gratificante. Rematada, Gaspar, Melchor e Baltasar baixaron do autobús para dirixirse de inmediato cara as súas monturas cargadas de agasallos e iniciar na madrugada un novo itinerario, agora por todos e cada un dos fogares de Brión.
De parte dos Magos de Oriente, unha agarimosa aperta e o máis sincero agradecemento a toda a veciñanza por participar nesta xornada tan máxica e especial, na que Brión acolleu dun xeito caloroso e hospitalario ás SS. MM. Os Reis Magos.